MEDIO RURAL

O Concello actuará en varios puntos do rural grazas á cuarta fase do Plan de Acción Social

08/08/2016 O concelleiro de Medio Rural, Rafael Peña, deu conta hoxe de varias actuacións que se acometerán nos vindeiros meses en diversas parroquias de Santiago e que foron aprobadas en Xunta de Goberno o pasado 5 de agosto. En total investiranse máis de 200.000 euros.

Procederase á instalación de alumeado público en Busto, Figueiras e A Gracia, por un importe total de 80.000 euros. Substituiranse as luminarias destas tres parroquias por outras de maior eficiencia e menor consumo, tendo en conta que a maioría delas teñen máis de trinta anos. Ademais, investiranse 47.000 euros na mellora do abastecemento na Sionlla.

Rafael Peña destacou como unha das obras máis importantes a remodelación da curva M-8 no Son de Abaixo-Ponte Alvar, en Marzo de Arriba. "Trátase dunha demanda histórica dos veciños e veciñas", sinalou o concelleiro, "tendo en conta ademais que leva máis de 10 anos sendo un punto crítico de concentración de numerosos sinistros". Para esta actuación destinaranse máis de 55.000 euros.

Finalmente, tamén deu conta do proxecto de acondicionamento e posta en valor de fontes e lavadoiros nas aldeas de Lobio, O Roxido, Santomil e Vilamaior, cun orzamento de 37.000 euros.

Obradoiro Ecorural
O 1 de setembro arrancará tamén o Obradoiro de Emprego Ecorural, dirixido a 20 mozos e mozas. Durante seis meses, dez deses participantes rehabilitarán a antiga escola unitaria da Susana-Marrozos, converténdoa nun centro BTT e de atención a visitantes. O grupo restante elaborará e encargarase do mantemento da páxina web que se faga para este proxecto.

Rafael Peña asegurou que "dende o Concello consideramos de moita transcendencia a realización deste tipo de obradoiros que teñen dúas importantes vertentes. Por una banda formar ás persoas beneficiarias en distintos ámbitos e, por outra, poñer en valor elementos do noso rural como xa fixemos co Obradoiro Ecotur nas Brañas do Sar".

O proxecto está financiado en 179.134 euros pola Xefatura Territorial da Consellería de Emprego. O Concello de Santiago aportará un total de 50.000 euros, dos cales 20.000 serán con cargo aos orzamentos de 2016 e 30.000 con cargo aos orzamentos de 2017.

Compartir: