ACCIÓN CULTURAL

O ciclo TerraZeando presenta este mércores a banda madrileña Remate

08/08/2016 A banda madrileña Remate ofrece o seu surrealismo cínico e socarrón na nova cita de TerraZeando, o ciclo de concertos para gozar do serán en Compostela. A cita é este mércores 10 de agosto, ás 21:00 horas, no Bar O Sendeiro, con entrada de balde ata completa aforo. Este ciclo de concertos conta co apoio do Concello de Santiago.

A soidade do corredor de fondo musical. Tras catro lustros de carreira e unha ducia de discos ás suas costas, Remate demostra unha integridade camaleónica a proba de balas.

Surrealismo cínico e socarrón directo á médula do oínte, ou coma se o veleno dun escorpión tricéfalo encarnárase en Jim O’Rourke, Stephen Merritt e Mark Everett.

Na súa última entrega, a epopea Cabello de ángel, tocino de cielo, seus textos -non tan oníricos e as veces desesperadamente terapéuticos- retratan o fanatismo costumbrista dun pasado, pero visto dende a vergoña allea, á que por obriga familiar tocoulle vivir. Tanta, como para ter que sacar a cabeza do burato e non caer afundido ante o diván do psicólogo.

Tapado de ouro imprescindible da música contemporánea ibérica, Remate compartiría bancada con Dalí para afirmar aquelo de "surrealismo soy yo"… Aínda que áxil, veloz e con extrema pulcritude: "Tal como una araña a punto de comerse una mosca".

Compartir: