DEPORTE E TURISMO

O atleta Carlos Barcala realizará o reto "Translatio", que conxuga promoción do Camiño de Santiago, deporte e superación

01/08/2016 O concelleiro de Deporte, Rafael Peña, presentou esta mañá o reto Translatio, que o atleta Carlos Barcala comezará o vindeiro sábado 6 de agosto.

O deportista fará un reto deportivo en base á Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, unha variante marítima do Camiño de Santiago. Sairá as sete e media da mañá de Ribeira e nadará 35 quilómetros pola ría de Arousa e o Río Ulla ata Pontecesures, onde chegará entre as tres e media e catro e media da tarde. Aquí comezará a correr e fará os 25 quilómetros que hai ata Santiago en arredor de tres horas, para chegar a praza do Obradoiro entre as sete e oito da tarde.

O concelleiro de Deporte destacou que "o reto Translatio conxuga promoción do noso Camiño, deporte, superación e memoria histórica e conta con múltiples vertentes que poden resultar interesantes para a cidade como o fomento de hábitos de vida saudable, a atracción doutro tipo de perfís turísticos ou para por de relevo os vínculos históricos que unen Santiago á comarca do Ulla".

Pola súa banda Carlos Barcala explicou os seus inicios no mundo da natación e os retos que se marca ano a ano, xa que "sempre procuro incrementar as distancias que percorro a nado". De feito, o ano pasado completou 32 dos 35 quilómetros do reto da Illa de Arousa. Na súa aventura, que comeza o 6 de agosto, irá acompañado de dúas cámaras que inmortalizarán o reto Traslatio.

Compartir: