ALCALDÍA

O Concello asinará este sábado a Carta de Consumo Responsable e Solidario

21/07/2016 O Concello de Santiago asinará a Carta de Consumo Responsable e Solidario nun acto que se celebrará este sábado 23 de xullo, ás 12:00 horas, no Hostal dos Reis Católicos.

O acto está organizado polo Concello en colaboración coa Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros e o Foro Enrique Peinador. Na carta recóllese o compromiso da institución pola calidade e o aproveitamento sostible dos recursos naturais, así como pola recuperación de especies, razas e variedades tradicionais adaptadas ao noso hábitat, que permiten dar aos produtos galegos unha personalidade propia.

Nesta Carta contémplase tamén o deber responsable á hora de decidir que produtos se consumirán, coa conciencia de que os produtos galegos contribúen ao desenvolvemento económico, permiten fixar poboación e garanten a pervivencia do noso país. Así mesmo, inclúese o deber solidario con aquelas persoas emprendedoras que deron o paso de etiquetar en galego as súas elaboracións ou que usan a nosa lingua nas súas campañas de promoción e comunicación.

Compartir: