FESTAS

Circo e baile na axenda festiva deste venres

21/07/2016 Despois do éxito que tivo o ano pasado, este venres celebrarase unha nova gala do circo dentro das festas do Apóstolo. Circompostela 2016 comezará ás dez e media da noite no parque de Belvís.

Na festa do circo poderemos gozar das actuacións de Fiti coa corda, dos equilibrios de Andrés del Revés, e dos xogos aéreos de Raquel Veganzones. Tamén participarán Kote, Isla Letriska e Javi Javichi, especialistas en malabares, e Amanda, co pole.

Baile Assalto
Dentro do programa Artellando, a praza do Toural será escenario dunha novidosa proposta: o Baile Assalto. Serán obradoiros de baile ao longo de toda a xornada, nos que se tocarán diferentes tradicións, e nos que haberá música ao vivo.

O Baile Assalto comezará ás doce e media do mediodía cun obradoiro de bailes agarrados con Montse Rivera. A música poraa Ariel Ninas. Ás cinco da tarde terá lugar o segundo obradoiro, dedicado aos bailes europeos, dirixido por Matias Tradballs. Neste caso, a música correrá a cargo dos lisboetas Fulano&Beltrano.

Suso Cancelas e a Asociación Monteira Danzas do Mundo, de Vigo serán os responsables do terceiro taller, a partir das sete da tarde. A xornada pecharase ás nove da noite cos portugueses Fulano, Beltrano e Sicrano.

Compostela Sound System
Outra das citas importantes do venres é a que se desenvolverá no Matadoiro Compostela, a antiga Casa da Xuventude. Ao longo de toda a xornada poderase ver unha exposición de discos de vinilo personalizados, e a partir das sete haberá un obradoiro de deejay. O Compostela Sound System completarase, a partir das doce, coas actuacións de Rude Teo, DJ Mil e DJ Ches.

Chave e futbolín
O Centro Sociocultural de Vite acollerá, a partir das catro da tarde, o Compostela Futbolín 2016. Haberá un campionato por equipos, formados por unha parella de nivel elite e unha de segundo nivel, e un campionato xuvenil no que as parellas participantes deberán ter menos de 18 anos.
Tamén mañá, na Alameda celebrarase unha nova xornada do XXXVIII Torneo de Chave das Festas do Apóstolo.

Artellando
A programación do Apóstolo para mañá complétase coas propostas do Artellando. No ciclo "Artellando nos barrios" haberá dúas actividades ás doce do mediodía: no Centro Sociocultural de Figueiras estará Ana Carreira e no, Centro Sociocultural de Vite, Raquel Queizás. Por último, Mónica de Nut e Luis Martínez actuarán ás nove da noite na praza de Salvador Parga, dentro do ciclo "Artellando nos recunchos".

Direcciones relacionadas



Compartir: