FESTAS

As festas do Apóstolo reivindican este xoves o traballo dos músicos galegos

20/07/2016 A xornada de mañá nas festas do Apóstolo terá un marcado acento galego, grazas aos dous concertos que hoxe presentou a concelleira de Acción Cultural. Branca Novoneyra estivo acompañada con dous dos protagonistas da noite: Quim Farinha, de Talabarte, e Brais, membro de Terbutalina.

A concelleira de Acción Cultural explicou que un dos obxectivos da programación do Apóstolo é que "o traballo das bandas galegas se converta nun espazo identitario das festas, que teñen que amosar o que fan os nosos músicos a composteláns e visitantes". De aí os dous concertos previstos para mañá, "nos que tamén se segue apostando pola diversidade", posto que os seus protagonistas son músicos de estilos moi diferentes.

O primeiro dos concertos é o que se celebrará na praza da Quintana, a partir das dez da noite e con entrada libre, e no que van participar cinco agrupacións galegas: Caxade, unha banda de folk-pop que presentará o seu novo disco, Isto é amor; Cró!, elixido mellor grupo de rock nos premios da Asociación Galega de Músicos ao Vivo; Familia Caamagno, unha banda de rock de Sigüeiro que vén de sacar o seu terceiro disco, Para unha vez que saímos; o dúo de hip hop compostelán Malandrómeda, que despois de cinco anos de silencio discográfico editou este ano dous álbumes, e o quinteto Terbutalina, gañador do premio ao Mellor Álbum en Galego de 2014 e que agora ten traballo novo, Al otomano se le va la mano.

Un dos membros de Terbutalina, Brais, participou na rolda de prensa desta mañá, para agradecer a invitación do Concello a formar parte das festas do Apóstolo. O músico de Muros asegurou que "tocar na Quintana era un soño, e agora o seguinte sería encher o estadio de San Lázaro". Tamén reivindicou o traballo das agrupacións galegas na normalización da nosa lingua, "porque estamos demostrando que é falso iso de que cantando en galego non te escoitan en ningún sitio".

Talabarte, no Toural
A segunda cita musical da noite de mañá será na praza do Toural, enmarcada no ciclo "Artellando na noite". Os protagonistas serán Talabarte, o trío formado por Pedro Pascual, Kin García, e Quim Farinha. Este último amosou o seu orgullo por actuar en Santiago, a cidade na que naceron hai case 14 anos, "porque é a primeira vez que tocamos nun evento tan importante como as festas do Apóstolo e porque é a primeira vez na que somos contratos directamente polo Concello".

Quim Farinha sinalou que o de mañá será un concerto especial por dous motivos: pechará a súa xira por Galicia e servirá para amosar algúns temas do seu novo disco "e testar a opinión dun público moi esixente". Talabarte invitou a toda a cidadanía compostelá a sumarse ao concerto "que será unha viaxe pola música tradicional galega, polos estilos europeos e mesmo polos ritmos latinoamericanos". A actuación, tamén de balde, arrancará ás once da noite.

MrCool e Felipe Castro e novo concerto da Banda
No apartado musical, a axenda do Apóstolo para mañá deixa outras dúas citas importantes. Á unha da tarde, a praza de Cervantes será escenario dunha sesión vermú, dentro do programa Artellando, con MrCool e Felipe Castro. E ás oito da tarde, haberá novo concerto da Banda Municipal de Música, dirixida por Casiano Mouriño. A agrupación estará na praza das Praterías, cun programa dedicado aos bailes de salón e acompañada polas bailarinas Lucía Vázquez e Christian García.

Máis Artellando
O programa Artellando segue poñendo as festas en movemento, e desta vez chegará aos centros socioculturais de Amio, A Trisca e Santa Marta. Mauro Sanín levará as súas Músicas para peto a Amio, ás doce do mediodía, e a Santa Marta ás sete da tarde; e Raquel Queizás estará na Trisca ás doce do mediodía.

No "Artellando nos recunchos" será a vez de Janet Novas, que presentará a súa montaxe de danza contemporánea Feelings na praza de San Martiño Pinario. Será ás nove da noite.

Torneo de chave
Mañá será tamén a quenda dunha das citas máis tradicionais das festas en Santiago, o Torneo de Chave. Este das festas do Apóstolo vai xa pola súa XXXVIII edición, e será como sempre na Alameda a partir das oito da tarde.

Direcciones relacionadas



Compartir: