IGUALDADE

Case 200 nenos e nenas participaron xa no Verán CampUSC, organizado pola Universidade en colaboración co Concello

16/07/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, visitou o Verán CampUSC 2016 acompañada da adxunta ao vicerreitorado de Cultura da USC, Marta Carballo.

Xa son case 200 nenos e nenas aos que participaron nesta edición, na que colabora por primeira vez o Concello de Santiago, a través do Departamento de Igualdade. A segunda quenda foi dende o luns 4 de xullo ata o venres 15 e nela participaron 100 rapaces e rapazas que se suman aos 93 integrantes da primeira. O luns 18 de xullo comezará o terceiro turno onde están anotados 100 máis. A última das quendas será do 1 ao 9 de setembro e aínda quedan 9 prazas dispoñibles.

Os rapaces e rapazas realizan actividades deportivas como fútbol gaélico, atletismo, duatlón, sendeirismo, deportes de raqueta, etc. Ademais, realizaron varias rotas no tren turístico nas que aprenderon sobre o patrimonio da súa cidade.

Pola igualdade
O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Igualdade, colabora por primeira vez coa Fundación USC Deportiva e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC neste programa, concibido como unha actividade deportiva, cultural, socioeducativa e de lecer, desenvolvida no período de verán, que permitirá a pais e nais traballadores da USC conciliar a vida laboral e familiar neste período, así como aquelas persoas que aínda non tendo vinculación coa comunidade universitaria precisen desta actividade de conciliación

Amosaráselle ás nenas e nenos participantes as bases dunha importante cantidade de xogos e deportes, atendendo as súas idades e desenvolvemento psíquico-físico. A práctica de actividades físico-deportivas non é boa só a nivel de saúde, senón tamén para inculcar dun xeito lúdico os valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, dedicación e respecto ás normas que sen dúbida resultarán de utilidade para a vida cotiá. O programa está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos.

A colaboración do Concello neste programa ten o obxectivo de promover a igualdade de xénero en Compostela. Para iso haberá tres eixos fundamentais, como son a conciliación da vida laboral e familiar a través dunha achega económica para a realización dun campamento de verán que dende hai anos vén organizando a USC; en segundo lugar, visibilizar as mulleres na ciencia combatendo os estereotipos de xénero e a segregación horizontal e, por último, o apoio dos estudos universitarios en materia de igualdade de xénero.

Compartir: