DEPORTE

O Circuíto de Carreiras CorreSan 2016 inclúe unha proba polos parques de Compostela

11/07/2016 O concelleiro de Deporte, Rafael Peña, presentou esta mañá, acompañado do delegado da Federación de Atletismo en Santiago, Iván Sanmartín, o Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan para este 2016.

O edil destacou que "se trata dun circuíto que está xa asentado en Santiago despois dos últimos anos". Trátase ademais dunha serie de probas "dirixidas a todas as idades e formas físicas que teñen como obxectivo o fomento do atletismo". Parar este 2016 son un total de catro probas, ás que se lle suma a carreira do 31 de decembro, a San Silvestre.

O Circuíto comezará o 30 de xullo coa proba de Angrois, que se mantén "pola implicación da veciñanza que acolle con moito entusiasmo esta carreira". A segunda proba será o 3 de setembro, cando se celebrará unha das probas máis espectaculares, a CorreSan nocturna. Este ano trasládase ao mes de setembro para evitar que coincida coas Festas do Apóstolo, que podían supoñer un risco para a seguridade das persoas participantes. Rafael Peña entende ademais que o cambio de data "suporá tamén que poida haber unha participación máis alta por ser o mes de setembro unha data na que volve a veciñanza das vacacións".

O 18 de setembro será a terceira das carreiras saudables deste CorreSan que mantén a ruta ao Pedroso dende a parroquia de Figueiras. A novidade este ano atópase na proba do 15 de outubro que percorrerá os parques de Compostela. O Circuíto CorreSan complétase coa proba do 31 de decembro, a San Silvestre

A inscrición para as diversas probas do Circuíto abrirase este mércores 13 de xullo.

Compartir: