ACCIÓN CULTURAL E TURISMO

O Concello agrupa toda a información cultural e turística da cidade na nova publicación "Compostelánea"

08/07/2016 As concelleiras de Acción Cultural e de Turismo, Branca Novoneyra e Marta Lois, presentaron no Pazo de Raxoi Compostelánea, nova publicación que informará da ampla oferta cultural e de ocio da cidade. Compostelánea nace co obxectivo de que a veciñanza de Santiago e as persoas que visitan a cidade poidan coñecer toda a actividade que se desenvolve en Compostela durante cada mes, tanto a promovida dende o propio Concello como dende calquera outra entidade.

A nova publicación ten un formato tipo xornal, para favorecer a súa distribución e lectura. De cada número editaranse 15.000 exemplares, que se distribuirán en múltiples puntos da cidade para chegar ao maior número posible de persoas. Bares, hoteis, tendas... e por suposto en todos os espazos municipais de ambos departamentos: Auditorio de Galicia, Teatro Principal, Zona "C", centros socioculturais e oficinas de turismo. A publicación estará en tres idiomas: galego, castelán e inglés, para chegar aos diferentes públicos, locais e internacionais.

Compostelánea incluirá reportaxes de interese cultural e turístico, novas sobre os eventos culturais máis destacados, críticas e artigos de opinión escritos por axentes culturais e turísticos de Santiago, e unha exhaustiva axenda coa programación cultural de Santiago: a propia do Concello e a de todos aqueles axentes culturais que a fagan chegar ao Concello. Ademais, tamén incluirá unha recompilación das exposicións que se poden ver na cidade, información sobre museos e monumentos visitables, o plano da cidade de Turismo de Santiago e mesmo posibilidades de ocio nos arredores de Santiago, grazas a colaboración do grupo de 16 Concellos Área Santiago coa publicación.

O número cero de Compostelánea, que comeza a distribuírse hoxe, está dedicado ás Festas do Apóstolo para poder empregarse tamén como ferramenta de información e promoción das propias festas. Este número especial conta coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, dentro da liña de subvencións para as Festas de Interese Turístico Internacional de Galicia, que conta ademais co apoio de Abanca. Os vindeiros números, que se distribuirán a comezos de cada mes, xirarán en torno a temáticas culturais e turísticas de actualidade na cidade.

Compostelánea nace da colaboración entre a Concellería de Acción Cultural e Turismo de Santiago, unindo tanto a necesidade de informar ás persoas que residen en Santiago da oferta cultural e de ocio da cidade, como da necesidade de promocionar tamén esta oferta ás persoas que visitan Compostela, amosándolles as múltiples razóns que hai para descubrir outros aspectos da cidade e para alongar a súa estadía media. Grazas a esta colaboración, os dous departamentos poden sumar esforzos e aproveitar dun xeito máis eficaz os recursos municipais.

Direcciones relacionadas



Compartir: