DEPORTE

Asinado o convenio entre o Concello e a Federación Galega de Fútbol que permitirá mellorar o estadio de San Lázaro

06/07/2016 O alcalde, Martiño Noriega, e o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, asinaron esta mañá no Pazo de Raxoi o convenio de colaboración para mellorar a presenza desa entidade en Compostela. Para iso, a Federación ocupará o Local C do Estadio de San Lázaro, un espazo de 1.500 metros cadrados no que tivera as súas dependencias a Secretaría Xeral de Deporte da Xunta. Farao grazas a unha concesión demanial por parte do Concello, por un prazo de 50 anos.

A cambio desta concesión demanial, a Federación Galega de Fútbol aboaralle ao Concello un pago anual de 3.750 euros. Pero, a maiores, a entidade que preside Rafael Louzán asumirá o custo das obras de reparación do Estadio de San Lázaro, estimado en 763.000 euros. Segundo o convenio asinado hoxe, o Concello resolverá no prazo máximo de tres meses o procedemento de licitación do contrato destas obras, que terán un prazo e execución de seis meses.

Segundo o texto, o Concello e a Federación Galega de Fútbol constituirán unha comisión de seguimento do convenio, para coordinar actuacións, realizar o seguimento e control dos procedementos administrativos relativos ás obras, e resolver as posibles incidencias que se produzan.

O alcalde mostrou a súa satisfacción pola sinatura deste acordo, "que permitirá actuar sobre o Estadio de San Lázaro e parar a súa degradación dos últimos anos". Martiño Noriega lembrou que as instalacións nunca foron reparadas dende a súa inauguración, e iso tradúcese en importantes deficiencias. Para o rexedor, "con este acordo gaña o ben común, porque a Federación terá maior presenza en Compostela, e o Estadio poderá ser mellorado".

O presidente da Federación Galega de Fútbol cualificou de "moi importante" o paso dado con este convenio, que beneficia a outras federacións deportivas que ocupan parte das instalacións de San Lázaro. Rafael Louzán indicou que o acordo entra dentro do obxectivo de "construír unha nova Federación en Galicia". Para iso, relatou que a entidade está acondicionando novas oficinas na Coruña, acometendo melloras en Lugo, e Ourense, e vén de adquirir un novo espazo en Vigo.

Compartir: