ALCALDÍA

O alcalde visita as obras da Cociña Económica

04/07/2016 O alcalde visitou esta mañá as instalacións da Cociña Económica para coñecer o estado actual das obras de reforma que se están a acometer no inmoble da rúa Travesa. Martiño Noriega estivo acompañado por Sor Esther Seoane, a directora da entidade.

O alcalde lembrou "o gran labor que realiza en Santiago a Cociña Económica", e sinalou que o Concello mantén a súa colaboración coa entidade a través dunha subvención nominativa que neste 2016 foi de 60.000 euros, a mesma cantidade que o ano pasado.

Está previsto que as obras da Cociña Económica rematen nas vindeiras semanas, para que o novo espazo sexa inaugurado o 20 de xullo. As dependencias non entrarán en funcionamento ata setembro porque, como é tradicional, no mes de agosto as comidas sérvense no Colexio La Salle. Dende que comezara a reforma do edificio da rúa Travesa, a Cociña Económica está a desenvolver o seu traballo nun espazo cedido no Albergue de Xoán XXIII.

A directora da Cociña Económica explicou que as obras que se están acometendo dende setembro pasado permitirán que as dependencias "gañen en hixiene e en seguridade". Ata o de agora convivían no mesmo espazo a cociña e o comedor, e non había espazo para reunións. Coa reforma acondicionouse o faiado do inmoble, para situar nel as cociñas, as cámaras de conservación de alimentos, o almacén e mesmo un despacho para o administrador.

Na planta baixa mantense o comedor, con 116 postos, 22 máis que antes das obras, e cun novo sistema de autoservizo que permitirá dar máis comidas diarias. Segundo Sor Esther Seoane, prevese que cada día acudan á Cociña Económica entre 160 e 180 persoas, só á hora do xantar. Ademais, estase a acondicionar unha zona de estar, que evitará as longas colas que se formaban na praza do Irmán Gómez de persoas que esperaban a súa vez para poder comer na Cociña Económica.

Compartir: