ALCALDÍA

Poesía e música no acto central do centenario da Irmandade da Fala de Santiago

28/05/2016 O Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, acolleu esta tarde o acto central da conmemoración do centenario da Irmandade da Fala de Santiago, nunha xornada chea de actividades por toda a cidade histórica. No acto, o alcalde anunciou a instalación dunha placa conmemorativa para homenaxear a Luis Porteiro Garea.

Foi un evento que xuntou música e poesía. Salvador García-Bodaño, Helena Villar Janeiro, Claudio Rodríguez Fer e Lucía Novas participaron nun recital poético, e o tenor Joaquín Pixán e o pianista Manuel Pacheco, interpretaron os temas do seu disco "Ramón Cabanillas na música".

No acto interviu o alcalde de Santiago, que lembrou a importancia das Irmandades da Fala para a historia de Galicia, porque sen elas "o país non existiría tal e como o coñecemos hoxe". Martiño Noriega salientou a trascendencia dos homes e mulleres que en 1916 "tiveron a valentía de querer mudar o guión que desde os centros do poder tiñan escrito para esta terra" e formaron "unha trincheira de dignidade colectiva, da estima polo propio, de vontade de construír un país pleno". O rexedor compostelán incidiu en que a característica principal das primeiras Irmandades da Fala foi reivindicar a dignidade para a lingua galega, porque "o galego é a maior creación colectiva do noso pobo".

Martiño Noriega amosou o orgullo de que Santiago fora un dos lugares precursores das Irmadades da Fala, posto que a compostelá foi a segunda que se constituíu en toda Galicia, só dez días despois da da Coruña. O alcalde lembrou tamén o papel de Luis Porteiro Galega, quen pronunciou o discurso fundacional da Irmandade da Fala de Santiago no Círculo Católico de Obreiros da rúa do Vilar, e anunciou que a homenaxe ao que fora concelleiro en Compostela continuará coa edición dun caderno e a instalación dunha placa conmemorativa.

O acto no Panteón de Galegos Ilustres foi o broche de ouro a unha xornada na que se sucederon as actividades para lembrar a Irmandade da Fala de Santiago. Música, teatro, intervencións artísticas, e mesas de debate serviron para recoñecer a importancia do movemento para a historia de Galicia e para reivindicar a figura de Luis Porteiro Garea.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: