LINGUA E ACCIÓN CULTURAL

O Concello de Santiago celebrou con teatro, música, coloquios e intervencións artísticas os cen anos das Irmandades da Fala

28/05/2016 O Concello de Santiago súmase este sábado á celebración do centenario das Irmandades da Fala. Faino cun amplo programa de actividades, integrado por teatro, música, mesas redondas, intervencións artísticas, monicreques e un acto central previsto no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, a partir das 19:30 horas.

No día no que se conmemora o nacemento hai cen anos da Irmandade da Fala de Santiago, dez días despois da creada na Coruña, o programa de actividades lembra o discurso co que se fundou a Irmandade compostelá, pronunciado por Luis Porteiro Garea. Este discurso estaba estruturado en doce puntos e o Concello incluíu na súa programación para este día o o mesmo número de actividades.

As asociacións Gentalha do Pichel, San Martiño Pinario e Cidade Vella colaboran nas propostas, entre as que se atopan mesas redondas e charlas coloquio sobre asuntos presentes no discurso de Porteiro Garea, como a responsabilidade do pobo galego no seu destino, a presenza da nosa lingua no ámbito da xustiza ou a realidade económica de Galicia.

As actividades arrancaron no claustro de Fonseca coa representación teatral Ksado, a cargo de de Inacio Vilariño. Preto de alí, no vestíbulo do Teatro Principal, outra representación, a de María Miramontes, por Tero Rodríguez. Ambas postas en escena tiveron novas funcións pola tarde.

Outra das propostas da mañá foi a mesa redonda "Galiza. Un proxecto de país para agora e para o futuro", na que participaron Joám Lopes Facal, Teresa Moure Pereiro, Adrián Dios Vicente e Antón Gómez-Reino Varela. O segundo dos coloquios da xornada levaba por título "O 'capital' en Galicia hoxe: a herdanza das Irmandades da Fala", con Rosa Mª Regueiro Ferreira, Xoán Ramón Doldán García Manuel e Jaime Barreiro Gil.

As intervencións artísticas encheron a cidade vella de retratos de persoeiros das Irmandades e, no apartado musical, durante a mañá actuaron Ricardo Parada e Albar María e Luís Caruncho na praza de Cervantes. Pola tarde, celebráronse concertos de Escola Vivantes, Cantamadeira ou O Fondo do Peto.

Ás 19:30 horas, no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, celebrouse o acto central desta conmemoración do centenario das Irmandades da Fala.

Direcciones relacionadas



Compartir: