CONSORCIO E EDUCACIÓN

O alcalde inaugurou en Sargadelos os talleres que axudarán aos cidadáns a mellorar a xestión da enerxía nas súas vivendas

24/05/2016 Baixo o lema Rehabilita con enerxía!, o Consorcio de Santiago vai celebrar ao longo desta semana, no primeiro andar da Galería Sargadelos, varios talleres participativos para que os cidadáns melloren a xestión enerxética nas súas vivendas, en colaboración coa Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago. Esta iniciativa enmárcase no programa europeo EFFESUS -Eficiencia enerxética para a sostibilidade dos centros históricos europeos-. O Consorcio é un dos 23 socios deste proxecto, xunto con institucións, axencias de investigación, universidades e empresas de toda Europa.

"Estas xornadas diríxense en particular aos cidadáns que habitan edificios ou vivendas con recoñecido valor dende o punto de vista do patrimonio histórico, ou mesmo construídas antes do ano 1945, aínda que a participación está aberta a todos", indica Ángel Panero, arquitecto e responsable científico do proxecto EFFESUS no Consorcio de Santiago.

Entre o martes e o venres, durante toda a tarde, celebrarase unha serie de conferencias e, ao final de cada xornada, os cidadáns asistentes poderán participar en mesas de debate cos expertos.

E, tamén en Sargadelos, coa colaboración e o financiamento da Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago, celébranse os talleres didácticos Xoga e aprende con enerxía! para nenos de entre 9 e 12 anos. Comezarán este martes e seguirán, polas mañás, os sábados 28 de maio, 4, 11 e 18 de xuño. Cómpre reservar praza nos teléfonos 981 554 400 / 401, a través do fax 981 571 511 ou do enderezo dptoeducacion @santiagodecompostela.gal.

Ademais, este martes, mañá mércores e o venres (de 13 :00 a 14:00 e de 16:15 a 17:15 horas), os cidadáns poderán realizar consultas de balde sobre a eficiencia enerxética das súas vivendas ou edificios na planta baixa da sede do Consorcio (rúa do Vilar, 59), onde os atenderán expertos neste eido, previa cita no 981 574 700 ou a través de rehabilitaconenerxia @consorciodesantiago.org.

Xestión intelixente
O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Martiño Noriega, inaugurou estes talleres participativos este martes na Galería Sargadelos. Ademais, asistiron Manuel Dios, concelleiro de Educación e Cidadanía; Dennis Rodwell, arquitecto escocés representante do proxecto europeo EFFESUS; Belén Hernández, xerente do Consorcio de Santiago; Lourdes Pérez, directora da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago; Ángel Panero, arquitecto e responsable científico do proxecto EFFESUS no Consorcio de Santiago; e Marta Gómez, arquitecta coordinadora dos talleres didácticos para nenos.

Ademais do taller didáctico para nenos, celebráronse dúas conferencias. En primeiro lugar, o arquitecto Adrián Martín, Premio Extraordinario Fin de Carreira de Galicia en 2007, experto en arquitectura e construción eficiente, explicou aos cidadáns o catálogo de protección de eficiencia das arquitecturas e elementos construtivos da cidade histórica de Santiago. A continuación, Andrés Figueiras, enxeñeiro industrial experto en instalacións e eficiencia enerxética, abordou a xestión intelixente do medio ambiente nas vivendas.

Para rematar a xornada, os cidadáns asistentes ás conferencias, divididos en mesas de traballo, intercambiaron ideas e reflexionaron sobre a eficiencia enerxética nas vivendas da cidade histórica.

A construción con madeira en Galicia
Os talleres continúan este mércores. A partir das 18:15 horas, o arquitecto Anxo Sánchez, experto en arquitectura e construción eficiente, explicará as estratexias para un urbanismo e arquitectura de baixa enerxía. De seguido, o arquitecto técnico Adolfo Montero, especialista en construción con madeira, centrarase na construción enerxeticamente eficiente con madeira en Galicia.

Compartir: