CONSORCIO

Alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais ofrece este mércores un novo concerto no Paraninfo da Universidade

24/05/2016 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa A Escola na Cidade, un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polo alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. A entradas a estas actuacións é gratuíta ata completar aforo.

No marco deste programa, mañá mércores, 25 de maio, ás 20:30 horas, os rapaces ofrecerán un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago, na Facultade de Xeografía e Historia, acompañados pola pianista Simona Velikova. En primeiro lugar actuará o fagotista Javier Sánchez, que interpretará o Concerto para fagot en Fa maior de Carl Maria von Weber.

A continuación, a violinista Carla Fontán tocará o Concerto para violín nº 4 de Mozart e o Concerto para violín en Re maior de Beethoven. A cita musical concluirá coa intervención da contrabaixista Raquel Miguélez, que achegará ao público o Concerto para contrabaixo nº 2 de Bottesini, a Sonata para arpeggione de Schubert e a obra Kol Nidrei, de Bruch.

Compartir: