ACCIÓN CULTURAL

Obras Públicas presenta o musical "Bye Bye Honey" no Teatro Principal

24/05/2016 A compañía Obras Públicas presenta o musical Bye Bye Honey no Teatro Principal esta semana. Poderá verse en dúas funcións, venres 27 e sábado 28 de maio, ás 20:30 horas. Esta mañá presentaron o espectáculo en rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, xunto a César Goldi, Iolanda Muíños, Fran Facal e Ramón Orencio.

Este é un espectáculo duro, ácido e descarnado, como o lugar onde está ambientado e como a vida dos personaxes dos que fala, pero tamén coma na vida, no espectáculo hai tempo para o humor, para o amor e por suposto para a música e as cancións interpretadas en directo. Ofrece unha galería de personaxes poucas veces trasladados aos escenarios. Un mundo que existe cerca de nós pero que rara vez temos a ocasión de contemplar en profundidade, fora de tópicos e arquetipos.

Bye Bye Honey conta a historia de Marta, unha rapaza de barrio, que non é un anxo nin un demo, e que cando decide deixar a súa casa e a súa familia, comeza un camiño incerto e perigoso, rodeada por todas partes de "lumpen, pachanga e rock’n’roll". Conta esta historia cunha linguaxe directa, contundente e sen artificios, tanto no que respecta aos diálogos dos personaxes como na posta en escena, e tamén na música que utiliza.

As cancións interpretadas en directo son a constante que acompañará á historia e aos personaxes, con música que abrangue estilos musicais diversos e variados, desde rancheiras ata heavy metal, dende o blues ata o góspel, ou dende a pachanga ata o rock’n’roll. Música variada para emocións variadas polas que o espectador irá pasando e que chega da man da Bye Bye Honey Band

Está posto en escena pola compañía Obras Públicas, que nace no ano 2010 co espectáculo Life is a paripé e continúa no 2011 con O fútbol é así. Con Bye Bye Honey acadaron xa o premio ao mellor espectáculo FETEGA 2014, así como os premios á mellor música orixinal para Carlos Mosquera Mos e ao mellor actor secundario para César Goldi nos Premios María Casares 2014 (ademais das nominacións a mellor texto orixinal, actriz protagonista e espectáculo).

Entradas
As entradas para o espectáculo poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal de 18:00 a 21:00 horas, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443. Teñen un prezo de 10 euros (5 euros para estudantes, xubilados, menores de 25 anos, maiores de 65 anos, desempregados, familias numerosas, familias monoparentais e perceptores de rendas sociais).

Compartir: