POLÍTICAS SOCIAIS E DIVERSIDADE

Máis de 40 obradoiros sobre diversidades sexuais na aula para conmemorar o Día Internacional contra a Homofobia

24/05/2016 O Concello de Santiago vén de sumarse ao Día Internacional contra a Homofobia, que se celebrou o 17 de maio, mediante a convocatoria de varias actividades sobre diversidades sexuais. Trátase da primeira acción dun proxecto máis amplo que a Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde quere levar a cabo durante o vindeiro curso.

A primeira charla vai dirixida a nais e pais e está organizada conxuntamente coa Federación de ANPAS de Compostela. Consistr nunha sesión de dúas horas con profesionais especializados que tratan de reflexionar sobre a inclusión das diversidades sexuais dende as familias. Esta actividade compleméntase con 40 obradoiros destinados a alumnado de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º de secundaria. Os talleres xa se iniciaron e continuarán ata avanzado o mes de xuño.

Alumnado de primaria
Os obradoiros terán unha duración de 50 minutos e desenvolveranse durante os meses de maio e xuño. Consistirán na intervención directa na aula por profesionais externos ao centro educativo. Utilizaranse non só recursos humanos e profesionais, senón tamén material audiovisual para reforzar a intervención de profesionais especializados en sexoloxía, como a curtametraxe Vestido Nuevo.

Os obxectivos que se propoñen son o fomento ao respecto á diversidade sexual, xerar empatía coa situación do protagonista do vídeo, entender o concepto de diversidade e de identidade sexual e cuestionar os imperativos sociais con respecto aos sexos e as súas múltiples expresións. Finalmente e, co obxectivo de que da actividade se obteña un resultado visible e que poida ser estendido ao resto da comunidade educativa, proponse a creación dun mural ou textos individuais baixo o título "Raros/as somos todos/as" co profesorado de plástica e lingua galega.

Alumnado de secundaria
Tamén durante os meses de maio e xuño celebraranse varios obradoiros (de 50 minutos cada un) dirixidos ao alumando de 1º e 2º da ESO.

Fomentar a creación de conceptos como a identidade sexual, a orientación do desexo e a xestión persoal e social das mesmas, é un dos obxectivos que se formulan con esta actividade. É na adolescencia cando se manifesta a orientación do desexo, chocando de fronte contra o grupo de iguais que comezan a ser referencia. As vivencias sexuais maioritarias, ou incluso mellor dito, esperadas, poden solapar a expresión e vivir propio.

Como no caso dos obradoiros dirixidos ao alumnado de 5º e 6º de primaria, utilizarase a curtametraxe Vestido Nuevo para reforzar a intervención. Os obxectivos dos obradoiros son coñecer e comprender os conceptos de identidade sexual, orientación do desexo, diversidade e o cuestionamento da regulamentación social dos sexos.

Co fin de que tamén neste caso se obteña un resultado visible e aplicable ao resto da comunidade educativa e á rede social da comunidade, proponse a implicación por parte do profesorado para gravar aos tres axentes implicados: familias, profesorado e alumnado, dando solución a unha situación similar á do protagonista do vídeo do centro de ensino ou no seo familiar.

Os detalles destas actividades foron explicados en rolda de prensa pola concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, e polo psicólogo e responsable dos programas de ocio saudable da UMAD, Jorge Carballido.

Compartir: