LINGUA E ACCIÓN CULTURAL

Compostela lembra a Manuel María

17/05/2016 O Concello de Santiago sumouse este 17 de maio á celebración do Día das Letras Galegas e ao recordo a Manuel María, o autor homenaxeado este ano. A lembranza arrancou esta mañá cun acto na rúa que leva o seu nome no barrio de Salgueiriños. No seu transcurso actuou a Banda Municipal de Música e houbo un recital poético a cargo da veciñanza da propia rúa.

Xa pola tarde, celebrouse un paseo-recital, no que se incidiu na relación de Manuel María con Santiago, a través da súa obra Poemas a Compostela. O acto comezou na praza do Obradoiro, onde a concelleira de Acción Cultural fixo unha introdución sobre a figura do poeta lugués e a devandita vinculación coa cidade. De seguido, houbo unha lectura de poemas, a cargo de persoas vinculadas coa cultura como Comba Campoi, Olalla Cociña, Rosalía Fernández, Montse Dopico, Miro Villar, Laureano Araúxo, Lara Rozados e Manolo Portas.

Todos eles invitaron ao público a participar na lectura, na propia praza do Obradoiro, na Quintana e en San Martiño Pinario. Neste punto rematou o paseo-recital, e alí celebrouse un concerto de García MC, compoñente do colectivo hip hop Dios Ke Te Crew e que ten musicado un dos textos de Poemas a Compostela, de Manuel María.

A programación do 17 de maio completouse cun concerto da Banda Municipal de Música na praza de Praterías. A formación estivo acompañada por Cantigas e Agarimos, e na actuación integrouse a música da Banda Municipal coa das gaitas e o coro da agrupación folclórica. Tamén participou o grupo de baile acompañando algunhas das pezas.

Compartir: