CONSORCIO

O director novel ruso Maxim Emelyanychev leva esta semana a batuta da RFG

16/05/2016 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O primeiro terá lugar o xoves no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:30 horas. Ao día seguinte, a orquestra tocará en Santiago, no Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas. En ambas actuacións levará a batuta o mestre novel ruso Maxim Emelyanychev, que se puxo por primeira vez á fronte dunha orquestra cando tiña tan só doce anos de idade. Na actualidade, aos seus 28 anos, é convidado polas principais agrupacións de todo o mundo.

Destacado representante da nova xeración de directores rusos, Emelyanychev naceu en 1988 no seo dunha familia de músicos. Estudou dirección e piano no Conservatorio Tchaikovsky de Moscova, ao tempo que se formou noutros instrumentos coma o fortepiano e o clavicémbalo. Obtivo numerosos premios en competicións internacionais de clavicémbalo e dirección dende o piano. En 2013 logrou o máximo galardón no certame de teatro ruso "Golden Mask" como intérprete de clavicémbalo da obra Cosi fan tutte no Teatro da Ópera de Perm. É creador e líder da orquestra de cámara Veritas e principal director da orquestra Il Pomo d’Oro.

Os concertos de Vigo e Santiago comezarán con Le Tombeau de Couperin, de Maurice Ravel. Iniciada en 1914, o autor compón a maior parte da obra tres anos despois, cando, enfermo, fora apartado da fronte durante a súa participación na Primeira Guerra Mundial, na que interveu como chofer do exército. Composta por seis pezas, Ravel dedicou cada unha delas á memoria de amigos mortos na contenda.

Sétima Sinfonía de Beethoven
Logo, a orquestra tocará Pavana, de Gabriel Fauré. De ritmo pausado, pretende evocar a pavana que se bailaba á corte española. A obra gozou dende a súa estrea de inmensa popularidade; ata hoxe escóitase como fondo musical en televisión, publicidade ou cine. Entre as versións cantadas, unha das máis populares é a de Barbra Streisand.

A continuación, os músicos achegarán ao público Capricho para orquestra, de Francis Poulenc. Os concertos concluirán coa Sinfonía nº 7 de Beethoven, estreada en Viena en 1813 durante un concerto de caridade para os soldados feridos na Batalla de Leipzig, cando o xenial compositor tiña 43 años e xa estaba completamente xordo.

Compartir: