MEDIO RURAL

O Concello comezará en xuño as rozas na rede viaria e nas fincas municipais

16/05/2016 O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial deu conta hoxe do inicio, no próximo mes de xuño, dos traballos de rozas nos viarios e parcelas municipais. Rafael Peña lembrou que a Xunta de Goberno aprobou hai uns días a apertura do procedemento de adxudicación do servizo, mediante procedemento aberto e por un importe total de 220.000 euros.

O edil explicou que as rozas se iniciarán en xuño, "despois da época de crecemento da vexetación, e tendo en conta o calendario de celebración das festas patronais en cada parroquia". De cara ao outono, farase unha segunda roza. No que ten que ver coas fincas, Rafael Peña sinalou que "se limparán as que son de propiedade municipal e falarase cos propietarios doutros terreos sensibles para que se fagan cargo dos traballos". De non facelo, o Concello actuaría de xeito subsidiario.

Fochancas
O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial tamén anunciou que o próximo mércores comezarán as obras de reparación de fochancas, correspondentes aos dous contratos adxudicados no pasado mes de abril, por un importe total de 120.000 euros máis IVE. Rafael Peña explicou que os traballos se foron atrasando por mor do mal tempo, e polo festivo da construción que se celebra hoxe.

Esta mañá celebrouse unha reunión de carácter técnico para pechar o calendario das actuacións que, segundo sinalou o edil, "lle afectarán a puntos en moi mal estado como os accesos ao tanatorio de Boisaca, Salgueiriños, Conxo ou Virxe da Cerca". Nesta última rúa, a previsión é traballar o sábado, evitando o tráfico derivado dos colexios. O prazo de execución das obras destes dous contratos será dun mes e medio, aínda que dependerá das condicións meteorolóxicas.

Ademais, o edil sinalou que xa están moi avanzados os pregos do novo contrato de mantemento da rede viaria, que o Goberno vai sacar adiante con cargo aos orzamentos de 2016, e que ten un importe dun millón de euros. A maiores, Rafael Peña lembrou que as obras que o Concello vai realizar con cargo aos fondos provinciais do POS serán fundamentalmente para mantemento.

Compartir: