ACCIÓN CULTURAL

"Smart" clown de Antón Coucheiro

16/05/2016 Smart clown ou como un teléfono intelixente pode converterte nun idiota. É unha comedia sen palabras arredor do mundo das aplicacións móbiles. Onde a óptica absurda do clown entra de cheo na era dixital. Unha sátira social sobre o noso comportamento fronte a tecnoloxía. Este mércores 18 de maio, ás 20:30 horas, no Teatro Principal.

Tres pallasas adictas ao seu smartphone acoden a unha convocatoria para probar unha nova e misteriosa aplicación. Apegadas aos seus teléfonos, entran en pánico cando quedan sen eles, pero despois terán que aprender a relacionarse de novo analoxicamente. Unha historia de descubrimento e de amizade, nunha época de máxima conectividade coa rede e absoluta desconexión no persoal.

Redes sociais, paos de selfie, soños de apps, zonas sen WiFi, coros de ringtones, cubos táctiles, habitacións feitas con vídeomaping, diálogos de emoticonos e pallasas. Benvidas a Smart, un universo delirante onde os teléfonos son máis intelixentes que as persoas.

A dramaturxia e a dirección deste espectáculo son de Antón Coucheiro, que conta para as pallasadas con Natalia Outeiro, Marta Iglesias, Akira Valero.

As entradas teñen un prezo de 10 euros, 5 euros para estudantes, xubilados, menores de 25 anos, maiores de 65 anos, desempregados, familias numerosas, familias monoparentais e perceptores de rendas sociais. Están á venda no despacho de billetes do Teatro Principal e en entradas.abanca.com.

Compartir: