CONVIVENCIA E FACENDA

O Goberno municipal presenta ás asociacións de veciños da cidade a proposta de modificación da ordenanza de vaos

12/05/2016 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia e a edil de Economía e Facenda mantiveron onte pola tarde unha xuntanza cos representantes dunha trintena de asociacións de veciños, para lles dar conta da proposta do Goberno para a modificación da Ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública. Xan Duro e María Rozas explicaron tamén os cambios formulados na ordenanza fiscal que lle afecta aos vaos.

O Goberno municipal propuxo varias modificacións en relación aos vaos, entre elas a eliminación do artigo da actual ordenanza que obriga ás comunidades de propietarios "a manter o bo estado de conservación dos pavimentos e a limpeza dos accesos ao inmoble. Tamén se prevé introducir a posibilidade de solicitar un vao temporal pola execución de obras que precisen o acceso de vehículos ou maquinaria, e polo tempo de duración deses traballos.

En canto á taxa pola utilización privativa e o aproveitamento especial do dominio público municipal, a proposta do Executivo municipal é introducir no cálculo do seu importe o número de prazas do garaxe ou aparcamento, en substitución do concepto utilizado ata agora, que ten en conta os metros lineais ou a superficie do vao. A concelleira María Rozas explicou que esta modificación pretende "facer unha redistribución máis xusta da recadación, posto que pagarán máis os garaxes con maior intensidade de uso". A edil sinalou que se a proposta de modificación da ordenanza tamén inclúe coeficientes diferentes para as pasaxes de uso particular (vivendas unifamiliares ou comunidades de propietarios) ou de uso mercantil.

Outras modificacións
Ademais do relacionado cos vaos, o Goberno local prevé modificar outros aspectos da Ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública. Un dos máis salientables é a supresión das fianzas que se lle cobran ás persoas organizadoras ou responsables dos eventos que utilicen os bens públicos municipais, e que tiñan que abonar incluso as organizacións sen ánimo de lucro e ONGs. Este pago sería substituído por unha declaración responsable. Tamén se suprime a prohibición de xogar na rúa, que figura na ordenanza vixente.

Compartir: