CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia interpreta este venres "O soño dunha noite de verán" para o público infantil e familiar

12/05/2016 A Real Filharmonía de Galicia celebra este venres un concerto para o público infantil e familiar, ás 18:30 horas, no Auditorio de Galicia. Esta cita enmárcase dentro do ciclo ¡Descubre unha orquestra para ti, a túa!, que busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. Neste caso, as entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos. A batuta levaraa o director titular e artístico da agrupación, Paul Daniel, e a violinista principal será Mariana Todorova, concertino da Orquesta Sinfónica de RTVE.

Os asistentes terán a oportunidade de escoitar varios fragmentos de O soño dunha noite de verán, do compositor romántico alemán Felix Mendelssohn (1809-1847), baseada na peza de teatro homónima de William Shakespeare, do que este ano se conmemora o 400 aniversario da súa morte. A famosa marcha nupcial incluída nesta obra fíxose popular nas vodas tras ser interpretada en 1858 no enlace de Federico III de Alemaña e a princesa Victoria de Sajonia, que amaba a música de Mendelssohn.

Cecilia Rodríguez-Morán, Ingrida Gápová e o coro feminino do Orfeón Terra A Nosa
O director Paul Daniel actuará como narrador nesta obra. A orquestra acompañará ás voces das sopranos Cecilia Rodríguez-Morán e Ingrida Gápová, e ás do coro feminino do Orfeón Terra A Nosa, que dirixe Miro Moreira.

A soprano tinerfeña Cecilia Rodríguez-Morán, formada en Alemaña e Austria, participa en concertos e representacións de ópera con orquestras españolas e europeas, baixo a batuta de grandes directores. Colaborou na banda sonora de varias películas, coma O Apóstolo, Doentes ou Tiempo sin aire. Foi galardoada co primeiro premio no Concurso Internacional "Richard Strauss" da Academia de Verán da Mozarteum.

Pola súa parte, a soprano eslovaca Ingrida Gápová comezou a súa educación musical aos seis anos. A pesar da súa xuventude, posúe un amplo repertorio de oratorios, cantatas e ciclos de cancións. Gañadora de varios certames internacionais de canto e interpretación, actúa con regularidade nas principais óperas de Polonia.

Compartir: