MEDIO AMBIENTE E CONVIVENCIA

O Concello pon en marcha unha aplicación móbil para a comunicación de incidencias

12/05/2016 O Concello de Santiago pon en funcionamento unha app para móbiles que facilitará que a cidadanía comunique as incidencias que detecten no termo municipal. O edil de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentou este servizo, chamado Liña Verde, e que "ten como obxectivo axilizar a resolución de problemas relacionados fundamentalmente co equipamento urbano".

A app xa se pode descargar de xeito gratuíto tanto en PlayStore como en APPStore, onde se atopará baixo o nome "Línea Verde Municipal". Unha vez instalada, o usuario non ten máis que seleccionar o seu municipio e comunicar a incidencia que lle preocupe, engadindo unha fotografía e unha breve descrición. A aplicación inclúe varias categorías nas que incluír a incidencia, que estará xeolocalizada: auga, alumeado, lixo, medio ambiente e outros.

Xan Duro explicou que "a denuncia chegaralle directamente ao concelleiro responsable e, no seu caso, á empresa concesionaria do servizo". A persoa que deu conta da incidencia recibirá no seu móbil os avisos dos pasos que se vaian dando para resolvela, e tamén unha notificación cando o tema estea solucionado. Ademais, o Concello poderá aproveitar a app para informar doutros cuestións de interese para a cidadanía, coma os cortes de tráfico.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia amosouse convencido de que a aplicación Liña Verde facilitará a organización no Concello e, xa que logo, axilizará a resolución das incidencias. Aínda así, advertiu que os problemas máis importantes, e que requiran maior investimento, non poderán ser resoltos de inmediato.

Xan Duro salientou que a app, que terá un custo anual para o Concello de 6.000 euros, permitirá "que os veciños e veciñas exerzan de vixiantes do estado da cidade, e colaboren na protección e no traballo para poñer ao día Compostela".

Direcciones relacionadas



Compartir: