ACCIÓN CULTURAL

Dead Combo, o grupo luso que conquista Hollywood, en concerto en Compostela

10/05/2016 Os portugueses Dead Combo chegan mañá mércores a Compostela para dar un concerto ás 20:30 horas no Teatro Principal. Fano despois de conquistar Hollywood, xa que os seus temas "Lisboa mulata" e "Rumbero" foron seleccionados para a banda sonora da película Focus, protagonizada por Will Smith.

A música dos Dead Combo é o resultado das influencias e das vivencias do propio grupo. Sen letras nin palabras, o duo integrado por Tó Trips e Pedro Gonçalves canta cunha claridade desarmante ao Tejo e Lisboa, Portugal e o Mediterraneo, unha África idealizada e ao deserto de América, imaxinada en Italia nos westerns de Morricone, maxestuosamente filmada por Wim Wenders e tocada por Ry Cooder.

Para cantar estes retratos non precisan dunha voz. Precisan tan so dunha guitarra e dun contrabaixo que, informados por unha certa vivencia do rock’n’roll, conxuran anos e anos de música e atravesan continentes, reunindo o fado e o blues na mesma canción.

A Bunch of Meninos é o máis recente capítulo dun dos máis fermosos e singulares proxectos musicais nacidos en Portugal ao longo da última década.

Entradas
As entradas para o concerto teñen un prezo de 12 euros (6 para estudantes, xubilados, menores de 25 anos, maiores de 65 anos, desempregados, familias numerosas, familias monoparentais e perceptores de rendas sociais) e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

Compartir: