FESTAS

A Feira Cabalar en Amio e os concertos de Fred Wesley e Aurora & The Betrayers protagonizan o xoves da Ascensión

04/05/2016 O Mercado Nacional de Gando de Santiago (Amio) acolle no día da Ascensión a tradicional feira cabalar, pola que en 2015 pasaron máis de 10.000 persoas. Ás 10:30 horas é a apertura de inscricións nos concursos morfolóxicos puntuables, dos que hai confirmadas xa 16 ganderías de pura raza galega procedentes de Oza-Cesuras, Ferrol, San Sadurniño, Vimianzo, Vilagarcía de Arousa, A Estrada, Muras, Brión e Boqueixón.

Nas competicións de Andadura Serrada e Chapeada hai 25 participantes confirmados, 14 na modalidade de Serrada e 11 na de Chapeada. Veñen procedentes de Carballiño, Ribadeo, Viveiro, A Coruña, Carral, Ferrol, Miño, Padrón, Oza-Cesuras, Betanzos, Lugo e Begonte. Ás 12:45 horas terá lugar a entrega de premios e trofeos ás ganderías gañadoras e do Gran Premio Dragóns de Santiago, á que asistirán a concelleira de Mercados, Marta Lois, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

Ás 12:30 horas, a comparsa de cabezudos volverá tomar as rúas da cidade e, media hora despois, na praza do Toural, será a quenda de Mr Cool e Felipe Castro. Ás 20:00 horas, a Banda Municipal de Música e Cantorum Compostellana Coniunctio darán o concerto da Ascensión na praza de Praterías, no que interpretarán varias pezas.

A praza da Quintana acollerá, a partir das 21:30 horas, os concertos de Fred Wesley e Aurora & The Betrayers. A partir das 22:30 horas, a orquestra Panama Band actuará no paseo central da Alameda e, ás 23:00 horas, será a quenda de Labregos do Tempo dos Sputniks na praza do Toural.

Folk na rúa
As rúas de Santiago son as grandes protagonistas das Festas da Ascensión dende as 18:00 ata as 20:00 horas nas prazas de San Agustín, Toural, Obradoiro, Cervantes e A Inmaculada.

Fred Wesley
Fred Wesley leva máis de 40 anos de carreira e é sobre todo coñecido polo seu traballo con James Brown, con quen deseñou un son funk moi influínte e recoñecible de cheo. Recoñecido como un dos mellores trombonistas da súa xeración, Fred Wesley é ademais un dos mellores compositores do funk, xogando un papel esencial na configuración dun son que é estándar dentro do estilo.

O seu talento como músico de jazz e o seu papel na transición musical de James Brown dende o soul ata o funk e a enorme influencia que a súa concepción musical tivo na música moderna sitúano como unha figura de absoluta referencia dentro do seu instrumento en particular e da música negra contemporánea en xeral.

Aurora & The Betrayers
É unha das voces máis convincentes da escena de música negra do Estado. O veleno da música entroulle á corta idade de 15 anos tocando a guitarra e cantando na súa primeira banda de rock, Rat Racers. A partir de entón empeza a introducirse máis de cheo no mundo musical e comeza a profesionalizarse con distintas bandas que a van moldeando para atopar a súa forma de cantar e actuar nun escenario.

Na praza da Quintana presentarán o seu último traballo, Shadows go away, con influencias que pasan polo folk americano, o soul, o funk, R&B e a música pop. Cancións directas con composicións e arranxos moi estudados cos que Aurora & The Betrayes souberon levar ao estudo para conseguir un son moi persoal que non deixará indiferente.

Compartir: