ALCALDÍA E POLÍTICAS SOCIAIS

O alcalde e a concelleira de Políticas Sociais visitan o colexio de Aspanaes

04/05/2016 O alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, visitaron esta mañá o colexio e o centro de atención temperá de Aspanaes, a Asociación de Pais e Nais de Persoas con Espectro Autista da Coruña. No percorrido polas instalacións, localizadas en Lamas de Abade, estiveron acompañados pola presidenta do colectivo, María José Álvarez Folgar, e polo director do colexio, Alberto Silva.

O alcalde e a concelleira comezaron a visita no centro de atención temperá vinculado ao colexio, no que Aspanaes traballa con bebés e nenos moi pequenos. As traballadoras da Asociación explicáronlle a Martiño Noriega e Concha Fernández a importancia da atención temperá aos cativos con trastornos do espectro autista, que habitualmente lles son detectados nas escolas infantís. Segundo lles relataron, a evolución destes rapaces é moito mellor que a das persoas que non realizaron ningún tipo de actividade específica nos primeiros anos.

A visita continuou no colexio. A presidenta de Aspanaes, María José Álvarez Folgar, explicou que o 90% dos rapaces que asisten a este centro fano tamén a colexios de ensino ordinario, "cumprindo así un dos principais obxectivos da asociación, que é o da integración". A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, tamén loubou este "exemplo de escolarización combinada e exemplo valioso dos froitos que pode dar a colaboración entre as entidades sociais e as administracións públicas".

Tanto a concelleira como a presidenta de Aspanaes lembraron a longa traxectoria de colaboración entre o Concello de Santiago e a entidade. De feito, o colexio de Lamas de Abade está nunhas instalación cedidas no seu día polo Concello, que tamén cooperou no acondicionamento da escola unitaria de Villestro para convertela nun centro de día que empezou a funcionar hai xa seis anos.

A Asociación de Pais e Nais de Persoas con Espectro Autista conta en Santiago con 174 familias asociadas e atende a 54 rapaces e rapazas. No conxunto da provincia da Coruña, traballa son 380 menores. A asociación naceu hai xa 37 anos, con tan só seis pais e nais membros.

Compartir: