CONSORCIO

O principal violinista da Orquestra da Ópera Alemá de Berlín impartirá clases a músicos galegos

03/05/2016 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. Ao longo do ano ofrécese a posibilidade de asistir a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. O recoñecido violinista polaco Tomasz Tomaszewski formará neste instrumento tanto aos estudantes da escola como a alumnos externos interesados en perfeccionar a súa interpretación co violín.

Estas clases celebraranse a vindeira semana ao longo de tres xornadas. Comezarán o luns 9 de maio, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas. E seguirán o martes 10, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas. O mércores 11 as sesións terán lugar de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas. Os músicos externos ao centro que desexen participar nestas clases poderán matricularse a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. Deberán estar cursando os últimos cursos de grao medio como mínimo.

Profesor da Universidade das Artes de Berlín
Tomasz Tomaszewski é na actualidade o concertino da Orquestra da Ópera Alemá de Berlín. Naceu en Polonia e estudou no Conservatorio de Varsovia, onde rematou os seus estudos musicais cun "cum laude". Logo continuou a súa formación en prestixiosos centros de Rusia e Alemaña, cos mestres máis ilustres.

Co Cuarteto de Cordas Polaco realizou unha extensa xira por toda Europa e Australia. E como solista da Orquestra de Cámara Polaca tamén actuou en diversos países. O afamado violinista ten recibido innumerables premios en certames internacionais. Ademais exerce como profesor na Universidade das Artes de Berlín.

Tomaszewski é o fundador e director da Orquestra de Cámara "Solistas de Cámara da Ópera Alemá de Berlín", que desenvolve unha intensa actividade concertística dende hai preto de vinte anos. Como solista ten actuado co seu violín en numerosos países de Europa, en Xapón, China e nos Estados Unidos.

Compartir: