ALCALDÍA

Reactivada a Mancomunidade de Compostela

03/05/2016 A Mancomunidade da Comarca de Compostela volve explorar vías de colaboración entre os sete concellos membros, despois de máis de catro anos sen celebrarse ningunha reunión do seu plenario. Na primeira xuntanza formal nesta nova etapa do órgano, esta mañá no Pazo de Raxoi, acordouse a constitución de tres comisións de traballo que, explicou o presidente da Mancomunidade e alcalde de Santiago, "faciliten que a entidade teña un funcionamento por obxectivos, sen xerar falsas expectativas, e con reunións do plenario cando verdadeiramente haxa propostas concretas por debater".

A reunión desta mañá estivo presidida por Martiño Noriega, e contou coa asistencia dos alcaldes de Ames, José Miñones; Boqueixón, Ovidio Rodeiro; Brión, Xosé Luis García; Teo, Rafael Sisto; Val do Dubra, Antonio Negreira; e Vedra, Carlos Martínez. Tal e como recollen os estatutos da Mancomunidade, Ames e Boqueixón exercerán a vicepresidencia da entidade, un cargo que se ocupa de xeito rotatorio e por orde alfabética.

Comisións de traballo
Na reunión de hoxe acordouse a creación de tres comisións de traballo, que se empezarán a reunir xa antes do verán. Todas elas estarán formadas polos representantes e os técnicos que designe cada Concello.

A primeira comisión, a de Contas, terá como obxectivo regularizar a situación económica da Mancomunidade, que conta cun remanente de máis de 200.000 euros. Este grupo de traballo tamén abordará as achegas que os concellos realicen á entidade.

En segundo lugar, acordouse crear unha Comisión Mixta para estudar distintos temas nos que se considere que pode haber colaboración entre os concellos, sexa entre os sete municipios que integran a Mancomunidade ou entre algúns deles. Así, neste marco analizarase propostas relacionadas coa contratación conxunta ou municipalización de servizos, orientación laboral, ou acondicionamento de sendas peonís.

Emerxencias
Á que máis esforzos se dediquen nas próximas semanas será á terceira comisión creada hoxe, a de Emerxencias. Tal e como explicou Martiño Noriega, "os sete alcaldes coinciden en que viabilizar o parque comarcal de bombeiros é unha das prioridades da Mancomunidade". Nesa liña, o alcalde compostelán explicou que algúns municipios como Brión ou Boqueixón contan cun servizo de emerxencias propio, "mentres o Concello de Vedra está nunha zona de sombra na cobertura, que equivale a problemas no caso de producirse algunha emerxencia, e Ames non conta cos equipamentos necesarios para atender unha emerxencia que se produza en edificios altos como os do Milladoiro".

Martiño Noriega lembrou que o Goberno compostelán xa fixo un traballo ao respecto da comarcalización do servizo de bombeiros, con reunións coa Deputación Provincial, cos responsables de Emerxencias da Xunta, e con conversas cos propios bombeiros de Compostela. Agora, a Comisión creada ao abeiro da Mancomunidade terá que facer unha proposta de xeito máis formal, e atopar unha saída "para o debate do parque comarcal de bombeiros, que deixou unha ampla restra de frustracións, o esqueleto dun edificio e sentenzas xudiciais que máis alá de cuestións laborais non resolven o problema da denegación de auxilio".

Traballo por obxectivos
Tanto o presidente da Mancomunidade, Martiño Noriega, como o vicepresidente e alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, insistiron na necesidade de non crear falsas expectativas en torno a este órgano e de ir vendo nas comisións se os sete concellos son capaces de xerar puntos de encontro. Nesa liña, Rodeiro avogou por traballar "na posta en marcha de servizos mancomunados que non xeren máis custos de estrutura, senón que permitan aforrar atendendo máis e mellor á cidadanía".

Martiño Noriega sinalou que "hai que abordar a reactivación da Mancomunidade dun xeito humilde, pero sendo conscientes de que este órgano ten máis de 200.000 euros sen gastar e as súas competencias están ben delimitadas e publicadas no DOG en 2002".

Compartir: