ACCIÓN CULTURAL

A Concellaría de Acción Cultural colabora co Maio Lírico 2016 que organiza a asociación Amigos da Ópera de Santiago

03/05/2016 A Concellaría de Acción Cultural colabora con Amigos da Ópera na programación do Maio Lírico 2016, que esta asociación organiza para conmemorar o Día Europeo da Ópera. En total, serán tres actividades, todas elas de entrada libre: a IV Gala Lírica dos Conservatorios de Galicia; un concerto da Banda Municipal coa soprano Teresa Novoa; e Dido e Eneas, de Henry Purcell, primeira ópera que presenta a asociación e que se fai en colaboración coa ESMAE de Oporto.

A programación completa foi presentada esta mañá pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; e o presidente e secretario da asociación, Jesús Couceiro e José María Miranda. Ademais do Concello, colaboran con este ciclo a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, o Ateneo de Santiago, Campus Culturae da USC, a ESMAE-Politécnico do Porto e a Fundación José Otero-Carmela Martínez.

O mércores 4 de maio celébrase a primeira das actividades, a IV Gala Lírica dos Conservatorios de Galicia, que se fai por cuarto ano consecutivo no Teatro Principal, ás 20:00 horas. Nela participan estudantes de canto dos conservatorios de toda Galicia, competindo polo premio á mellor interpretación de ópera e o premio á mellor interpretación de zarzuela, que son outorgados por un xurado de expertos. Ademais, o público elixe no descanso a súa interpretación operística favorita.

O 8 de maio celébrase no Teatro Principal, ás 12:00 horas, un concerto da Banda Municipal de Música en colaboración coa asociación. Estará dirixido polo director titular da Banda, Juan Miguel Romero Llopis, e contará coa soprano galega Teresa Novoa. Interpretarán, entre outras obras, fragmentos de As vodas de Fígaro, de Mozart; As fillas do Zebedeo, de Chapí; Orfeo e Eurídice, de von Gluck; ou o Negra Sombra, de Rosalía de Castro.

E o 22 de maio péchase a programación do ciclo coa primeira ópera que pon en marcha a asociación: Dido e Eneas de Henry Purcell. Trátase dunha versión semiescenificada que realizan en colaboración coa ESMAE de Oporto e que ten na dirección musical a Magna Ferreira e na dirección escénica a Catarina Costa e Silva. Será ás 20:00 horas no Paraninfo da USC.

Compartir: