ACCIÓN CULTURAL

As Mañás de Verán e de Xogo ofrecen unha alternativa de lecer a 245 rapaces e rapazas durante o mes de xullo

03/05/2016 A partir deste mércores 4 de maio, e ata o 20 deste mes, estará aberto o prazo para inscribirse nas Mañás de verán e de xogo, que se desenvolverán en oito centros socioculturais durante o mes de xullo. Os detalles do programa foron presentados en rolda de prensa pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra.

Todas aquelas familias interesadas en participar nas Mañás de verán e de xogo, que se organizan no mes de xullo nos centros socioculturais de Vite, Conxo, Fontiñas, Santa Marta e O Ensanche, e nos locais socioculturais de Nemenzo e A Gracia, poden anotar os seus fillos e fillas recollendo a ficha de preinscrición nos centros socioculturais.

Ofértase un total de 245 prazas, destinadas a rapaces e rapazas de diversas idades, dende os 4 aos 13 anos. Son 30 prazas máis que no verán de 2015, pola incorporación do CSCXM do Ensanche e polo incremento de prazas no CSC de Conxo.

O obxectivo das Mañás de verán e de xogo do mes de xullo é ofrecer ás familias unha alternativa de lecer para os pequenos e pequenas, que gozarán dunha variada programación de actividades, dende as 10:00 ás 14:00 horas, nos centros socioculturais: obradoiros de plástica, creatividade, xogos, actividades predeportivas, saídas pola cidade, novas tecnoloxías, teatro…

Existe a posibilidade de solicitar horario ampliado, dende as 8:00 ata as 15:00 horas (Mañás de verán) e dende as 9:30 ás 14:30 h(Mañás de xogo).

Para participar nesta programación, as familias solicitantes deben estar empadroadas no Concello de Santiago. Pódense solicitar ata duas localizacións, indicando a preferencia. Unha vez rematado o prazo de preinscrición, se hai máis solicitudes que prazas, adxudicaranse mediante sorteo e a listaxe definitiva das prazas publicarase o 9 de xuño na web municipal e tamén nos taboleiros informativos dos centros socioculturais.

Tarifas
O prezo do mes completo é de 50 euros e de 25 euros a quincena. Contémplanse descontos do 20% para os segundos fillos e do 50% para as familias numerosas e monoparentais. Estarán exentos de pagamento aquelas familias que acrediten a situación de desemprego (en ambos titores).

Programación temática
A programación, conducida por persoal especialista en tempo libre dos centros socioculturais, achegará aos participantes o valor das experiencias compartidas en grupo a través do coñecemento do medio, a igualdade, o cooperativismo, a expresividade e a creatividade.

As Mañás de verán, nos centros socioculturais urbanos das Fontiñas, Vite, Conxo, Santa Marcha e O Ensanche, incluirán propostas temáticas como 25 anos de animación sociocultural no barrio, no CSC José Saramago de Vite; Comediantes itinerantes, no CSC Aurelio Aguirre de Conxo; Rapazada en acción, no CSC das Fontiñas; Pequenos artistas 2016 no CSC de Santa Marta; ou Pequenos reporteiros 2016, no CSC do Ensanche.

As Mañás de xogo, as propostas dos locais socioculturais de Nemenzo e da Gracia levan por título Xogar creando igualdade.

Campamento en Figueiras
A oferta inclúe tamén como en anos anteriores 40 prazas para participar no campamento infantil ( 5 a 12 anos ) que se desenvolverá no Local Sociocultural de Figueiras, organizado conxuntamente pola Asociación de Veciños Nova Xeira e o Concello. Está aberto ás parroquias de Figueiras, Laraño e Villestro.. O prezo é de 60 euros/mes e 40 euros/quincena, con desconto de 10 euros para o segundo fillo

Neste caso, os interesados poden informarse e inscribirse a través de novaxeira@gmail.com.

Compartir: