EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Aberta a inscrición nos obradoiros de verán das escolas infantís municipais

03/05/2016 As escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños abriron este luns a inscrición nunha nova edición dos seus obradoiros de verán, que se desenvolverán durante o período de vacacións escolares. Están destinados a nenos e nenas empadroados en Santiago que cursen estudos de 2º ciclo de educación infantil e 1º e 2º de educación primaria, con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos.

Os obradoiros realizaranse durante o mes de xuño (días 23, 27, 28, 29 e 30), xullo (do 1 ao 29, agás sábados, domingos e festivos), agosto (do 1 ao 31, agás sábados, domingos e festivos) e setembro ( dende o día 1 ata o comezo do curso escolar 2016-2017). As familias poden escoller entre varias modalidades: 5 días soltos en xuño, mes completo ou días soltos en xullo ou en agosto, e días soltos en setembro.

O horario dos obradoiros de verán será de 10:00 a 14:00 horas, coa posibilidade de que as familias soliciten ademais un servizo de almorzo (de 9:00 a 10:00 horas), un servizo de comedor (de 14:00 a 15:00 horas) e horas a maiores (entre as 7:30 e as 10:00 e entre as 14:00 e as 16:00 horas).

Hai un total de 45 prazas dispoñibles, a razón de 15 por cada unha das tres escolas infantís municipais. Os obradoiros desenvolveranse nas propias escolas, agás no mes de agosto, no que se concentrarán na Escola Infantil Municipal de Meixonfrío- Salgueiriños.

Tarifas
As tarifas dos obradoiros van dende os 12 euros dos días soltos ata os 125 euros dun mes completo. De precisarse outros servizos ofertados, o prezo dos almorzos oscila entre os 2 euros dos días soltos e os 30 euros do mes completo, mentres que o custo do comedor oscila entre os 4 euros (día solto) e os 75 euros (mes completo). As horas soltas fóra do horario dos obradoiros teñen un prezo de 3 euros, que serían 15 no caso da tarifa mensual.

Solicitudes
A admisión, aberta dende este luns 2 de maio, realizarase por rigorosa orde de entrada no Rexistro municipal ata cubrir as prazas dispoñibles en cada escola. Os nenos e nenas que están matriculados nos obradoiros que se desenvolven ao longo deste curso escolar terán acceso directo, sempre que tiveran confirmada a súa asistencia antes do pasado 1 de maio.

Os solicitantes terán que cubrir a solicitude e entregala no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende, 4) ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16). O impreso de solicitude está dispoñible, xunto coa información complementaria, nas escolas infantís, no Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago e nesta web.

Direcciones relacionadas



Compartir: