CONVIVENCIA

O Goberno local presenta a súa proposta de modificación da Ordenanza de actividades, instalacións e ocupación da vía pública

26/04/2016 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia deu conta hoxe da proposta do Goberno municipal para a modificación da Ordenanza de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública. Proponse a substitución das fianzas por organizar un acto en espazos públicos por unha declaración responsable e apóstase por eliminar o artigo que obriga ás comunidades de propietarios a manter en bo estado o acceso aos seus garaxes. Ademais, a taxa dos vaos terá en conta as prazas coas que contan os aparcamentos, e non unicamente a súa superficie.

Xan Duro deu conta das propostas despois de presentarlle o documento aos partidos da oposición, toda vez que a modificación dunha ordenanza debe ser aprobada polo Pleno da Corporación. A proposta do Executivo local tamén inclúe novidades na taxa pola utilización privativa e o aproveitamento especial do dominio público municipal.

O concelleiro explicou que a proposta do Goberno atende a algúns dos aspectos que foron máis polémicos no seu día, coa entrada en vigor da actual ordenanza. Un deles ten que ver coas fianzas que se lle veñen cobrando ás persoas organizadoras ou responsables dos eventos que utilicen os bens públicos municipais, e que tiñan que abonar mesmo as organizacións sen ánimo de lucro e ONGs (artigos 34 e 110 da ordenanza). O Executivo propón substituír esta fianza por unha declaración responsable que garantirá todo tipo de responsabilidades que se orixinen, mesmo por posibles danos a terceiros. A maiores, poderase esixir o depósito dun aval cando se dean circunstancias especiais que así o aconsellen.

O Goberno local tamén quere modificar o capítulo V da actual ordenanza que, baixo o epígrafe "Práctica de xogos", recollía a prohibición de practicar xogos ou diversións no espazo público que poidan representar unha molestia ou perigo para outras persoas. A emenda de substitución aposta por darlle ao Capítulo V o título "Da convivencia nos espazos públicos", sinalando que "as vías, rúas e prazas son espazos comúns de socialización do conxunto da cidadanía e polo tanto calquera actividade desenvolvida nelas debe garantir a axeitada convivencia".

Xan Duro salientou que o Goberno tamén quere modificar o artigo 67 da ordenanza, de xeito que o prazo de garantía para as obras que realicen empresas, organismos ou particulares que supoñan a reposición do pavimento municipal pase dos dous anos actuais a tres. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que "os defectos construtivos en obras de canalizacións agroman pasado bastante tempo, dependendo tamén das condicións meteorolóxicas".

Outra das novidades sería a inclusión da obriga de que nos valados de obras para traballos que teñan unha certa duración se instale un panel para a colocación de cartelería de difusión social.

Vaos
O Goberno tamén propón varias modificacións en relación aos vaos. A primeira delas pasa por introducir a posibilidade de solicitar un vao temporal pola execución de obras que precisen o acceso de vehículos ou maquinaria, e polo tempo de duración deses traballos. Ata o de agora, a única posibilidade era pedir un permiso de vao normal, aínda que logo só se utilizara por un curto período de tempo.

O Executivo tamén propón eliminar o artigo 90 da actual ordenanza, que obrigaba ás comunidades de propietarios "a manter o bo estado de conservación dos pavimentos e a limpeza dos accesos ao inmoble". Xan Duro sinalou que os expedientes que están en marcha "terán que continuar a súa tramitación, porque atenden a unha ordenanza que está vixente", e reiterou que o Goberno só enviará novos requirimentos ás comunidades de propietarios no caso de que os informes técnicos e policiais falen de problemas de seguridade, como se fixo ata agora.

Nesa liña, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia lembrou que en Santiago existen máis de 1.600 vaos regularizados, e o Goberno remitiu 13 requirimentos. Deles, en seis casos xa se arranxaron as beirarrúas, e tres comunidades presentaron recurso. Ademais, dúas comunidades ás que non se lle remitira ningunha solicitude informaron de que ían acometer os arranxos por iniciativa propia.

Modificacións na taxa
En relación aos vaos, Xan Duro informou da intención do Goberno de modificar algúns aspectos da taxa pola utilización privativa e o aproveitamento especial do dominio público municipal. O máis novidoso pasa por introducir no cálculo da taxa por pasaxe o número de prazas do garaxe ou aparcamento, en substitución do concepto utilizado ata agora, que son os metros lineais ou a superficie do vao.

Deste xeito, explicou o concelleiro, "mídese mellor a intensidade do uso da pasaxe, e pódese facer unha redistribución máis xusta da recadación, posto que pagarán máis os garaxes de maior tamaño e con máis intensidade de uso". Co mesmo obxectivo, o Goberno propón aplicar coeficientes diferentes na taxa para os pasaxes de uso particular (vivendas unifamiliares ou comunidades de propietarios) ou de uso mercantil (garaxes abertos ao público para o uso exclusivo do seu persoal e clientes). Estes últimos duplicarían o dos usos particulares.

Tamén se aposta por diferenciar os tipos de pasaxe entre pasaxe permanente, pasaxe temporal vinculado a negocios que pola súa natureza fan un uso especial dos accesos e que contarían cunha redución na taxa do 50%, e pasaxe provisional outorgada por razóns sociais (uso intensivo por razóns médicas, persoas con mobilidade reducida…).

Por último, Xan Duro lembrou que é vontade do Goberno regularizar a situación dos vaos en Compostela, porque se ten constancia da existencia de máis de 3.000 pasaxes que non están regularizados e non pagan ningunha taxa. Dos máis de 1.600 regularizados, só 30 non están actualizados no pago.

Compartir: