ALCALDÍA E ACCIÓN CULTURAL

Bos Aires descubre Santiago de Compostela a través do seu Mapa Literario

24/04/2016 O Concello de Santiago presentou hoxe en Bos Aires o seu Mapa Literario, un proxecto que permite "acercarse á cidade a través da palabra" para coñecer unha urbe "oculta" e construída por diversos escritores ao longo da historia.

Esta guía é "unha homenaxe" aos escritores que "construíron a cidade" a través dos seus textos, explicou Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural e impulsora da iniciativa presentada no marco da 42 edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires, onde Santiago é cidade convidada.

A Concellaría de Acción Cultural pretendía, deste xeito, "que a literatura non fose só un espazo de memoria, senón que incluíse tamén a palabra" dunha cidade como Santiago, que ten historicamente "unha grande actividade literaria", asegurou Novoneyra, arroupada durante a presentación polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

A ruta conta con 30 puntos de interese que invitan a dar un paseo polas rúas da capital de Galicia percorrendo fragmentos literarios de 14 autores: dende históricos como Rosalía de Castro ou Otero Pedrayo, ata o máis contemporáneo como Suso de Toro ou Teresa Moure.

A iniciativa forma parte do ciclo paralelo Compostela Colateral, organizado polo Concello para achegar ao público os libros dunha forma distinta, a través de charlas nocturnas, performance ou lecturas dramatizadas.

Todo isto cunha mención especial para escritores que visitaron esta capital, berce do Camiño de Santiago, como Federico García Lorca, e que contribuíron a forxar a esencia da cidade.

O Mapa presentouse na súa versión en papel en galego, castelán e inglés; pero tamén en formato dixital cunha App para teléfonos móbiles que inclúe unha guía coas editoriais e librarías máis relevantes de Santiago.

A delegación compostelá en Bos Aires agregou tamén a escritores como Teresa Moure, Clara Gayo, Diego Ameixeiras e Antón Lopo, que achegan durante estes días as letras galegas a Bos Aires a través de espazos como o Club Cultural Matienzo, dedicado á cultura independente.

Bos Aires celebra Galicia
Martiño Noriega participou tamén, xunto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e co arcebispo de Santiago, Julián Barrio, nos actos de Buenos Aires celebra Galicia. Na súa intervención, o alcalde manifestou a súa satisfacción "por estar aquí representando a Santiago, a capital de Galiza", aproveitando para "agradecer a todos os homes e mulleres que traballastes por manter a nosa cultura; grazas por construír unha Arxentina mellor sen renunciar á vosa galeguidade". "Sodes un exemplo e un motivo de orgullo", concluíu Noriega.

Compartir: