EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Manuel Dios sumouse aos actos polo IV centenario da morte de Cervantes no CEIP Monte dos Postes e no IES Rosalía de Castro

22/04/2016 Este venres, o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, participou na lectura compartida de El ingenioso hidalgo Don Quijote de la Mancha, nunha versión adaptada aos escolares, co gallo do IV centenario da morte de Miguel de Cervantes Saavedra. Esta actividade enmárcase nas actividades da Semana Cultural do CEIP Plurilingüe Monte dos Postes, dentro da cal se programaron actuacións musicais, obradoiros de graffitis e de papiros, encontro con escritores ou contacontos.

Cómpre salientar a dedicación do profesorado deste centro que, dende hai meses, veu traballando na preparación deste programa, que esixiu a adaptación de pezas musicais como a ópera Aída, de Verdi, e a actuación de Mini e Mero, referentes da música galega.

Acompañaron ao concelleiro de Educación e Cidadanía na lectura de parágrafos do Quijote a inspectora de Educación do centro, Marina Armada; o xefe do Departamento de Educación e Cidadanía, Xosé M. Rodríguez-Abella; e as profesoras Antonia Garabal, Mª Angustias García Buño e Mª Carmen Míguez.

Exposición no IES Rosalía de Castro
Manuel Dios participou tamén esta mañá na inauguración dunha exposición sobre Miguel de Cervantes no IES Rosalía de Castro titulada Miguel de Cervantes: su imagen y su palabra.

A mostra conmemora o cuarto centenario da morte de Miguel de Cervantes e pretende xunguir imaxe e palabra, reactualizando a iconografía deste clásico universal. Recolle unha selección de textos que salientan o carácter dialogal e a actualidade da palabra de El Quijote.

Esta exposición foi realizada polo alumnado do centro, coordinado polos profesores dos departamentos de Lingua e Literatura Castelá e de Plástica.

A cidadanía compostelá tamén estaba convidada a participar na lectura de El Quijote na entrada principal do centro.

Compartir: