ESPAZOS CIDADÁNS E MOBILIDADE

O Goberno local dá un paso adiante para desbloquear o acordo da estación intermodal

22/04/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade deu conta hoxe dos acordos adoptados na reunión celebrada onte en Madrid, para avanzar no proxecto da estación intermodal. Jorge Duarte salientou que o Concello tivo que dar un paso adiante para desbloquear o acordo, e lograr a mellor infraestrutura para a cidade.

A reunión de onte foi convocada polo Ministerio de Fomento, despois dunha conversa entre o alcalde, Martiño Noriega, e a ministra Ana Pastor. Nela estiveron representadas as tres administracións implicadas na infraestrutura: o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, a Xunta, a través da directora xeral de Mobilidade; e o Concello, representado polo edil de Espazos Cidadáns.

Jorge Duarte explicou que a xuntanza serviu para avanzar nun dos puntos que tiñan paralizado o acordo, en relación aos terreos nos que a Xunta vai construír a nova estación de autobuses e que son titularidade de ADIF. O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias mantivo a súa negativa a ceder a parcela, e finalmente o Concello compensará ao ente, dependente do Ministerio de Fomento, con aproveitamento urbanístico.

O concelleiro de Espazos Cidadáns sinalou que o primeiro paso será fixar un prezo xusto para os terreos, para logo determinar cal debe ser a compensación a ADIF. Jorge Duarte indicou que o aproveitamento urbanístico poderá ser no ámbito da estación intermodal ou en calquera outra parcela de titularidade municipal, e salientou que en todo caso só se permitirá uso residencial, e coa esixencia que un mínimo do 50 por cento das vivendas construídas estean sometidas a algún réxime de protección.

O concelleiro de Espazos Cidadáns lembrou que o convenio asinado no ano 2009 entre o ADIF, a Xunta e o Concello contemplaba un aproveitamento urbanístico no ámbito da estación intermodal de 53.000 metros cadrados. Ademais do uso residencial, prevía uso hoteleiro e comercial. Jorge Duarte sinalou que, á espera da taxación dos terreos, o novo aproveitamento urbanístico podería rondar os 5.000 metros cadrados.

O proxecto da intermodal, o mércores
Outro dos avances logrados na reunión de onte ten que ver coa plataforma peonil que deberá conectar a estación intermodal co barrio de Pontepedriña. Jorge Duarte explicou que ADIF, Xunta e Concello chegaron a un acordo para que sexan as tres administracións as que asuman os custos derivados da súa construción, que aínda non están cuantificados. Sí se asumiu tamén o compromiso de que a primeira fase

O edil de Espazos Cidadáns insistiu en que a día de hoxe, e despois das múltiples reunións celebradas desde o mes de xullo, aínda descoñecemos cal é o proxecto definitivo para a estación intermodal. Na reunión de onte, ADIF comprometeuse a levar ese proxecto a unha nova xuntanza que se celebrará o próximo mércores.

Jorge Duarte reiterou a total vontade de colaboración do Concello, pero insistiu en que nin é lóxico nin está permitido pola lei iniciar un proceso de expropiacións cando non temos un proxecto do que se quere facer nos terreos a expropiar. Nesa liña, explicou que a localización da estación de autobuses varía en máis de 40 metros na proposta inicial con respecto aos últimos planos analizados, e non tería sentido expropiar uns terreos que despois non se van utilizar para a obra. Polo mesmo motivo, o edil defendeu agardar a ter o proxecto da intermodal antes de redactar o Plan Especial para a zona.

Compartir: