CONSORCIO

Concerto conxunto este sábado de alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais e de rapaces dos conservatorios galegos

22/04/2016 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha unha nova edición de A Escola na Cidade, un ciclo de concertos interpretados polos alumnos do centro. A vindeira cita terá lugar este sábado, 23 de abril, ás 21:00 horas, no auditorio da Escola. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar aforo.

No concerto deste sábado participarán alumnos do Curso de Especialización Instrumental da Escola, xunto con alumnos invitados dos conservatorios de Galicia, en particular dos da Coruña, Santiago, Vigo e Pontevedra. Son un total de 54 rapaces que tocan o violín, a viola, o violoncello, o contrabaixo, a frauta, o óboe, o clarinete, o fagot, a trompa, a trompeta, o trombón, a tuba ou a percusión.

A batuta levaraa o mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais e da Real Filharmonía de Galicia. Os xoves músicos comezarán coa interpretación da Sinfonía nº 104 "Londres", do compositor austríaco Franz Joseph Haydn (1732-1809). A actuación rematará coa obra Un atardecer en Granada, do compositor e violinista galego Andrés Gaos (1874-1959). A cita musical terá unha duración aproximada dunha hora.

Actuacións ata o mes de xuño
Con esta iniciativa de A Escola na Cidade, a EAEM implícase na programación cultural de Santiago, a través da organización periódica de concertos de cámara protagonizados polos alumnos do centro, xunto con ciclos de solistas.

Compartir: