TURISMO

Intensa promoción das Cidades Patrimonio da Humanidade de España en América e Asia

21/04/2016 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España desenvolveu na última semana unha intensa actividade de promoción en Estados Unidos e China, presentando a través do seu técnicos de turismo e coa colaboración de Turespaña a súa oferta cultural a turoperadores e medios destes mercados emisores.

Estas campañas están previstas no Plan Operativo de Turismo da rede de Cidades Patrimonio, aprobado o pasado 22 de xaneiro no marco de Fitur pola Asemblea de Alcaldes, máximo órgano de goberno da entidade que reúne ás 15 cidades: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Estados Unidos
A promoción técnica de produto nos Estados Unidos consistiu na celebración en Miami dunha presentación técnica dirixida a turoperadores membros da Travel Industry Association of South Florida. O acto foi organizado pola Oficina Española de Turismo de Miami e o Grupo, xunto con Paradores de Turismo, e ofreceu aos 75 profesionais especializados na organización de viaxes a Europa unha completa información da oferta das 15 cidades da rede. Ao acto asistiron o cónsul xeral de España en Miami e o alcalde de Coral Gables. Como complemento a esta acción, gravouse un programa dedicado ás 15 cidades con Radio Caracol, a emisora máis importante de fala hispana de Florida, e un encontro co alcalde de Miami para buscar vías de colaboración entre o Grupo e esta puxante cidade, que se converteu na capital económica da América Hispana.

A campaña en Estados Unidos continuou con dous eventos celebrados en Nova York, para cuxa organización se contou coa axuda da Oficina Española de Turismo nesta cidade. O primeiro deles consistiu nunha presentación das 15 cidades dirixida a profesionais e público final celebrada na Hispanic Society of America, na sala dedicada á monumental obra pictórica de Sorolla "Visión de España". Ao día seguinte, a sede da Oficina Española de Turismo de Nova York foi o marco para un almorzo de traballo ao que asistiron 22 medios e turoperadores, a quen se ofreceu información directa e material promocional das Cidades Patrimonio.

O obxectivo destas presentacións foi o dar a coñecer aos profesionais do sector a oferta especializada do Grupo, para a súa inclusión nos seus circuítos europeos e nos paquetes de destinos culturais, cada vez máis demandados polo público estadounidense, como demostran as cifras máis recentes de viaxeiros a España, con 1.500.000 visitantes en 2015.

España está de moda no mercado emisor de Estados Unidos e entra no top 10 dos destinos que os turistas norteamericanos desexan visitar ao longo de 2016, situándose en cuarta posición, segundo datos procedentes dos sistemas de procuras e reservas online das principais axencias de viaxes e outros operadores turísticos. O ranking de destinos que os turistas estadounidenses desexan visitar en 2016 está encabezado por Reino Unido, seguido de India, Italia, España, República Dominicana, Francia, Costa Rica, Alemaña, Xapón e Xamaica. O crecemento da actividade económica de EEUU, a fortaleza do dólar fronte ao euro, a boa marcha do mercado laboral e a tendencia positiva na renda dispoñible permiten ser optimistas con este mercado emisor.

China
En paralelo á campaña en Norteamérica, o Grupo está presente estes días en China, participando nas Xornadas directas de apoio á comercialización turística que Turespaña organizou para presentar a oferta turística de destinos españois nas cidades de Hong Kong, Shangai e Pekín.

Un representante do Grupo –neste caso a responsable de promoción de Turismo de Santiago, Flavia Ramil- desprazouse en representación do Grupo coa delegación de Turespaña ata o país asiático para manter reunións persoais en formato de workshop cun total de 125 turoperadores das tres grandes cidades chinesas, aos que está a informar sobre as 15 cidades, posibles rutas e facilidades para estes viaxeiros que as cidades do Grupo están a implementar froito da colaboración coa consultora Chinese Friendly Cities, así como facilitarlles material de promoción específico en chinés.

A previsión é que o número de turistas chineses que viaxan ao estranxeiro alcance a extraordinaria cifra de 130 millóns para este ano 2016, co que se converterá no principal emisor de turistas do mundo. España é para os chineses o décimo quinto país preferido no mundo para facer turismo, atraídos polo patrimonio cultural, lugares pintorescos, monumentos e as compras, sobre todo do sector de luxo.

O número de turistas chineses que visitaron España durante o 2015 superou por primeira vez as 300.000 persoas, unha cifra que representa 6 veces máis respecto ao 2010. Segundo Turespaña, o ano 2016 marcará un punto de inflexión na historia e na evolución do turismo chinés en España, en parte a tres factores: a apertura de 12 novos centros de visados en China e a flexibilización e a axilización na tramitación dos visados para os cidadáns chineses; a apertura de novas conexións aéreas con China; e o reforzo de Turespaña nas accións promocionais en orixe dos destinos españois.

Compartir: