XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba o prego de condicións para a concesión de dez postos da Nave 5 da Praza de Abastos

22/04/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o prego de cláusulas administrativas para a concesión de diversos postos da Nave 5 da Praza de Abastos, que serán destinados á exhibición ou venda de produto agroalimentario elaborado e semielaborado, para o seu consumo fora do mercado.

O prego establece cinco tipo de actividades a desenvolver nos postos: produtos listos para o consumo baseado no elaborado e semipreparado de peixe e mariscos; bar de zumes e produtos preparados a partir de produto hortofrutícola; produtos listos para o consumo baseado no elaborado e semipreparado de produto cárnico; punto doce baseado na elaboración de repostería tradicional e servizo de cafés e tes para levar; e ultramarinos tradicional baseado na venda do chamado produto seco. En todos os casos, a orixe dos produtos utilizados para a preparación debe ser a Praza de Abastos, e o consumo non se poderá realizar na propia Praza.

O secretario da Xunta de Goberno, Xan Duro, explicou que o prego lle afecta a un total de dez locais da nave 5. Catro deles teñen un tamaño equivalente ao de dous postos da Praza, outros catro contan cunhas dimensións equivalentes a tres postos, e os dous últimos equivalen en tamaño a catro postos do mercado. Segundo o seu tamaño, os tipos de licitación establecidos no prego oscilan entre os 12.024 e os 24.048 euros.

A concesión farase por un período de 15 anos, que pode ser prorrogado por un período de cinco anos máis, ata un máximo de 50 anos en total. O contrato adxudicarase por procedemento aberto, e o prazo para presentar as solicitudes será de 15 días naturais, a contar desde o día seguinte á data da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia.

Outros acordos
A Xunta de Goberno aprobou taméno expediente e a apertura do procedemento de adxudicación das obras de reparación, conservación e mantemento da rúa Teresa Jornet e anexas. Trátase dun proxecto que será financiado con fondos provinciais, correspondentes ao Plan de Obras e Servizos da Deputación de 2015. O tipo de licitación é de 183.033,68 euros máis IVE.

O Executivo deu igualmente o visto bo á programación e prezos públicos das actividades que se van realizar nos centros socioculturais dende o 1 de maio ata o 31 de agosto. O gasto estimado é de 133.839,23 euros, e o Concello prevé ingresar 62.534,25 euros polas actividades que teñen algún prezo para os usuarios. Na programación figuran actividades formativas, obradoiros para mellorar a empregabilidade, propostas relacionadas coa cociña saudable, a música ou o teatro ou unha escola de DJs. Tamén se manteñen as actividades socioculturais en torno ás bibliotecas e aulas de lectura, e o programa Imos ao Baile.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou a licenza para executar as obras de construción de piscinas no lugar de Lagoa Monte do Gozo, un proxecto da Xunta.

Documentos relacionados



Compartir: