ACCIÓN CULTURAL

"Rinconete y Cortadillo", de Alberto Conejero, a próxima semana no Teatro Principal

21/04/2016 Rinconete y Cortadillo é unha comedia sobre a picaresca, os nenos prodixio, a amizade, a loita entre a realidade e a ficción e sobre os parias cos que Cervantes deu paso á modernidade. Poderemos véla o martes 26, a partir das 20:30 horas, no Teatro Principal, dentro dos eventos de celebración do 175º aniversario do teatro e enmarcado no programa Platea do INAEM. Trátase dunha obra de Alberto Conejero, protagonizada por Santiago Molero e Rulo Pardo baixo a dirección de Salva Bolta.

"Y les sucedieron cosas que piden más luenga escritura", escribiu Cervantes nunha das últimas liñas de Rinconete y Cortadillo. Este final aberto, misterioso e provocador é o punto de partida da representación. Que ocorreu con Rinconete e Cortadillo despois do éxito desta noveliña exemplar? Nesta obra, os verdadeiros Pedro del Rincón e Diego Cortado queren axustar contas con Cervantes por publicar ás súas costas un episodio fugaz das súas vidas pero que os condenou por sempre a responder á imaxe de pícaros. Un éxito de mocidade do que nunca se puideron recuperar. Coma o Gordo e o Fraco ou Os Pecos, Rinconete e Cortadillo están condenados a seguir xuntos para sobrevivir. Pero quizá agora chegou a ocasión de limpar o seu nome.

Dende Producciones SeXpeare din: "Sexpeare ou os punkis do humor; así nos cualifican. Facemos caso ás voces que sempre nos animaron a enfrontamos a un texto clásico. Cando limos a novela de Cervantes descubrimos que hai humor, humor con maiúsculas, humor ácido, grotesco, e con ese aroma excesivo que nos define. O noso humor absurdo e delirante, e o universo enfermizo do director Salva Bolta, farán que ninguén quede indiferente na butaca".

As entradas teñen un prezo de 18 euros e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

Compartir: