DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Marta Lois participa en Valencia na Asemblea Xeral da Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local (Redel)

21/04/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, participa na Asemblea Xeral da Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local, Redel, da que Santiago forma parte dende a súa constitución no ano 2007. Aproveitando a celebración da Asemblea Xeral hoxe en Valencia, a Rede organizou tamén para mañá a xornada de traballo "Promovendo o emprego de calidade no sector do turismo", na que tamén participará a concelleira.

No documento base para a constitución de Redel, esta defínese coma unha rede de entidades expertas en desenvolvemento local que traballa para a mellora continua das organizacións a través da reflexión, da xestión do coñecemento e da colaboración, buscando o recoñecemento e a posta en valor a nivel técnico e político do desenvolvemento local e a súa proxección a nivel internacional.

Os obxectivos de Redel son reflexionar sobre aspectos clave no desenvolvemento local como políticas económicas e industriais, competitividade, innovación, coñecemento, políticas activas de emprego, inserción laboral, etc., para construír un modelo dende unha identidade común.

Redel tamén se configura como un instrumento para exercer influencia ante entidades públicas e privadas coa finalidade de impulsar o desenvolvemento local e comarcal; deseñar, desenvolver e executar proxectos; e intercambiar experiencias e coñecementos para innovar e incrementar a eficacia das entidades locais.

O Concello de Santiago, a través da Oficina de Promoción Económica, é o único participante galego no grupo. Os outros membros do grupo son: Concello de Madrid, Promálaga, Centro de Iniciativas Municipales de Murcia, Valencia Emprende, Barcelona Activa, Àrea de Desenvolupament Econòmic i Ocupació, Asociación Vasca de Agencias de Desarrollo, Getafe Iniciativas, ImpulsAlicante, Instituto Leonés de Desarrollo Económico, Formación y Empleo, Instituto Municipal de Desarrollo y Empleo de Córdoba, PalmaActiva, e Sociedad para el Desarrollo de la Provincia de Burgos.

Compartir: