ALCALDÍA E ACCIÓN CULTURAL

Martiño Noriega e Branca Novoneyra visitan o Centro Galego de Bos Aires

21/04/2016 No marco da axenda oficial do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, durante a súa estadía en Bos Aires, realizou onte unha visita o Centro Galego da capital arxentina, onde puido visitar o cuarto no que morreu Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en 1950.

Martiño Noriega recoñeceu "quedar impresionado" na habitación 202 do centro sanitario da comunidade galega, conservada xunto con libros e fotografías do intelectual galeguista. "Impresionado pola austeridade do cuarto, así como polo feito de que se conserve intacto 66 anos despois do seu pasamento", un feito que é "unha boa mostra do enorme respecto que a colectividade galega tiña por quen tivo que exiliarse a causa de defender os valores democráticos e galeguistas", indicou Noriega.

O rexedor, acompañado pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e Miguel Penas, coordinador da Alcaldía, visitou o cuarto no marco de unha visita xeral ao Centro. A comitiva galega recorreu algúns pisos do hospital do centro, onde puido charlar con enfermeiros, médicos e persoal da cociña, así como con algúns das persoas usuarias que están hospitalizadas. Durante o percorrido foron acompañados polo actual interventor do Centro, Sergio Iribarren, e por varios integrantes da directiva actual, que será renovada en breve.

Noriega lamentou o momento no que visitou este centro, que se atopa intervido pola Xustiza arxentina dende 2012. O alcalde destacou a "emotividade da visita ao hospital, pola carga simbólica que ten para a colectividade galega", e mostrouse "esperanzado porque nun futuro próximo se regularice toda a súa situación económica e de xestión" e poda continuar a ser "un referente para toda a colectividade galega".

Direcciones relacionadas



Compartir: