CONSORCIO

O Consorcio conmemora o Día do Libro coa entrega de publicacións a todas as persoas que visiten a Casa do Cabido o sábado

21/04/2016 O vindeiro sábado, 23 de abril, celébrase o Día Internacional do Libro. Con motivo desta conmemoración, o Consorcio de Santiago fará entrega de publicacións a todas as persoas que visiten a Casa do Cabido (na praza das Praterías) ao longo da xornada, tanto a adultos como ao público infantil e xuvenil.

Todos os exemplares que se porán a disposición dos visitantes están relacionados coa Literatura, a Arte e a Historia en Santiago. Pertencen ás diferentes bibliotecas do Consorcio. Así, o organismo posúe un total de seis coleccións diferenciadas: a biblioteca facsimiliar, a científica, a biblioteca de divulgación xacobea, a literaria, a biblioteca de imaxes e a biblioteca infantil e xuvenil.

Os visitantes da Casa do Cabido terán ademais a oportunidade de facer un percorrido pola exposición Airiños Aires, Rosalía, que reúne 50 instantáneas coas que o fotógrafo galego Xurxo Lobato lle rende a súa particular homenaxe á ilustre poetisa. Son imaxes en branco e negro, acompañadas na súa maioría por fragmentos de poemas de Rosalía. Amosan os lugares máis relevantes da biografía da autora, xunto con aqueles que tan intensamente poetizou.

A Casa do Cabido abrirá o sábado no seu horario habitual, de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 17:00 a 21:00 horas pola tarde.

Compartir: