ALCALDÍA E ACCIÓN CULTURAL

O alcalde reúnese con Diego Santilli, vicexefe de Goberno da cidade de Bos Aires

21/04/2016 Na súa primeira xornada en Bos Aires, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega mantivo unha xuntanza con Diego Santilli número 2 do Goberno porteño e presidente da lexislatura. Durante a mesma, Noriega manifestou a vontade de Compostela de "fortalecer e establecer novos vínculos coa capital arxentina", para o cal considerou que "a edición da Feira do Libro dedicada a Santiago constitúe unha oportunidade perfecta".

Noriega e Santilli acordaron explorar estas vías de traballo conxunto entre cidades a partir da recuperación dun antigo convenio de colaboración, xa vencido, para tratar de actualizalo e asinar un novo na próxima visita a Europa do mandatario bonaerense. Entre as liñas a destacar e na que se abren mais posibilidade destacaron a da xestión cultural, así como a da conservación e mantemento do patrimonio monumental dos centros históricos de ambas cidades.

O encontro celebrouse no novo Centro Cívico da Cidade, construído na zona sur no denominado distrito tecnolóxico, e no mesmo participou tamén Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural; Miguel Penas, coordinador da Alcaldía; e Francisco Mugaburu, responsable de Relacións Internacionais e Cooperación da cidade de Bos Aires.

Direcciones relacionadas



Compartir: