LINGUA

Música, contacontos, obradoiros e teatro enchen a programación infantil co Apego

14/04/2016 O Concello de Santiago ten preparada unha completa programación infantil para a primavera, ao abeiro do proxecto Apego. O alcalde, Martiño Noriega, e a técnica municipal de Lingua, Socorro García, presentaron hoxe o calendario para os vindeiros meses, que estarán cheos de teatro, contacontos, música, e obradoiros para as familias.

O alcalde salientou que esta é a primeira vez na que o Concello unifica todas as súas propostas para os nenos e nenas nunha única programación. Na súa elaboración participaron varios departamentos municipais, como Lingua, Turismo, Cultura, Centros Socioculturais ou Convivencia. Tamén se incluíron propostas da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais, Martiño Noriega incidiu en que a programación chegará a todo o termo municipal, a través dos centros socioculturais do ámbito urbano e dos locais de parroquias do rural como Marrozos, Marantes, Verdía ou Figueiras.

A responsable do Departamento de Lingua salientou o esforzo realizado para unificar toda a programación infantil, "un traballo conxunto que facilitou mellorar a oferta con actividades novas que non se viñan realizando pero que se viron necesarias para cubrir algúns ocos que quedaban na programación". Socorro García explicou que toda a información sobre as actividades do Apego estará dispoñible nos máis de 10.000 folletos que se van repartir en centros socioculturais, escolas infantís ou espazos culturais coma o Teatro Principal ou o Auditorio de Galicia. Tamén se poderá consultar na web apego.gal, un espazo que se pretende ir mellorando nos vindeiros meses.

Case 30 actividades para a primavera
O eixo da programación primaveral do Apego son os contacontos, con ata 14 propostas distintas, pensadas para nenos desde os 0 ata os 6 anos. A primeira terá lugar esta mesma tarde, a partir das 17:30 horas, no Centro Sociocultural de Santa Marta. Trátase de Historias da Maletra, a cargo de Raquel Queizás. A contacontos repetirá participación no Apego no 14 de maio, no Local Sociocultural de Figueiras.

Tamén hoxe, Pavís Pavós levarán a súa proposta Contos vellos e novos ao Local Sociocultural do Casco Histórico, que repetirán o 19 de maio en Vite, e Polo Correo do Vento renderalle homenaxe a Manuel María no Centro Sociocultural de Conxo.

Na programación tamén participa o contacontos Pablísimo, que estará o 20 de abril no Local Social de Amio, o 3 de maio no Centro Sociocultural das Fontiñas, o 11 de maio en Santa Marta, e o 21 de maio en San Lourenzo. A súa proposta, bautizada como Contiario, está dirixida a nenos e nenas de entre 0 e 6 anos, que poderán coñecer da súa man os contos máis raros, interesantes e exóticos do mundo.

Anxo Moure é o terceiro dos contacontos que participan na programación infantil de primavera do Apego, cunha actuación o 22 de abril no Centro Sociocultural de Vite para celebrar o Día da Terra e do Libro. Xa en maio, Fátima Fernández presentará A bigota de Mimí o día 20 no Centro Sociocultural de Vite, e Leo Leíño levará a súa Maxia e Contos o 21 de maio ata Verdía. A súa proposta, pensada para nenos de 4 a 12 anos e que combina os contos coa maxia, repetirase o 17 de xuño na Pontepedriña. A axenda de contacontos de maio pecharana Fabaloba e Luís Prego con A casa encantada de Alí, no Centro Sociocultural do Castiñeiriño. Neste caso, a proposta está dirixida a nenos de 0 a 6 anos.

Xa no mes de xuño, o día 4 está previsto que Lisístrata presente no Centro Sociocultural de Santa Marta Contando en feminino, unha serie de contos dende a perspectiva de xénero, dirixidos a cativos de 3 a 12 anos. Trinke-trinke estarán o 7 e xuño no Centro Sociocultural das Fontiñas con Os contos dos ratiños, Pavís Pavós repetirán na programación do Apego con Palma repalma no Centro Sociocultural do Ensanche, e Raquel Queizás pechará o calendario de contacontos da primavera con Mariña, contos nados do mar, na Casa Agraria de Meixonfrío o día 14 e no Centro Sociocultural de Vite, o día 17.

Obradoiros
A programación de primavera do Apego tamén inclúe obradoiros pensados para os nenos e nenas e para os seus pais. No Centro Sociocultural do Ensanche desenvolveranse boa parte deles, os venres dende o 15 de abril ata o 17 de xuño. Nas actividades poderán participar rapaces a partir de 5 anos acompañados dun adulto, que aprenderán desde a plantar unha horta ata a facer blandiblú, pasando por customizar camisetas, encadernar libros ou descubrir a fotografía.

Para nenos de e nenas de 3 a 9 anos, o Centro Sociocultural de Santa Marta acollerá o sábado 16 de abril un obradoiro chamado Caldo de letras, no que os rapaces poderán descubrir xuntos as posibilidades do alfabeto, as emocións que poden transmitir e as súas posibles entoacións.

Nos días 6 e 27 de maio e 3 e 10 de xuño, Fabaloba ensinaralles ás nais e pais como contarlles contos aos seus fillos, nun obradoiro chamado Había unha vez, que se desenvolverá no Centro Sociocultural de Conxo. Para o 1 de xuño, Luís Prego propón un obradoiro para iniciar ás crianzas no ritmo e na melodía, a través de cantos de berce e recitados. Será no Centro Sociocultural do Ensanche.

Por último, na programación do Apego inclúese a celebración do Día da Seguridade Viaria, o venres 10 de xuño, na praza do Obradoiro, coa participación da Policía Local, dos Bombeiros e de Protección Civil.

Música e teatro
No apartado musical, a programación do Apego inclúe tres actividades para esta primavera. A primeira delas é Un conto ao revés, a cargo de Chuches Amil e dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos, que estarán nos locais socioculturais de Marrozos, o 22 de abril, e Cardeal Quiroga, o 26 de abril.

Uxía Senlle e Magín Blanco, acompañados de Santi Cribeiro, presentan Todo me fala de ti o sábado 30 de abril no Centro Sociocultural de Santa Marta. Esta actividade está incluída no programa FalaRedes, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

A proposta estrela será a Romaría Cativa, nos días 6 e 7 de maio, no marco das festas da Ascensión. Nas dúas tardes, a praza da Inmaculada encherase de música e circo, da man de Pitusa Semifusa, Gramola Gominola, Peter Punk, Isla Letriska, Migallas,Titiriteiros de Binéfar e Paco Nogueiras.

No apartado teatral, Limiar Teatro presentará o 19 de abril, no Teatro Principal, Don Quixote, unha comedia gastronómica que mestura narración oral, manipulación de obxectos e cociña en directo para dar lugar a unha versión diferente da obra de Cervantes. A obra é acaída para nenos e nenas a partir de 6 anos.

Outras propostas
A programación do Apego para esta primavera complétase con outras actividades como unha charla divulgativas sobre sistemas de retención infantil, ou un percorrido sobre seguridade viaria, a cargo da Policía Local; unha charla divulgativa de Manuel Núñez Singala sobre a lingua, ou un paseo por Compostela no tren turístico. Por último, Turismo de Santiago colabora coa programación do Apego co xogo-guía Santiago mmm…que rico, que propón distintas probas para coñecer Compostela a través da gastronomía.

A maioría das actividades da programación infantil do Apego son con entrada libre e de balde. Nalgúns casos, o aforo limítase a 20 persoas e é preciso inscribirse para participar. Para a obra de teatro Don Quixote, no Teatro Principal, a entrada custa 5 euros, se ben é posible adquirir catro pases ao prezo de tres. Tamén son de pago o paseo por Compostela en tren e o xogo-guía Santiago, mmm… que rico, salvo que se presente o folleto coa programación do Apego.

Documentos relacionados



Compartir: