LINGUA

O Apego reúne xa 23 concellos galegos

09/04/2016 Alcaldesas, alcaldes, concelleiros e persoal técnico de 23 concellos asistiron esta mañá no Centro Ágora (A Coruña) á sinatura da addenda ao programa Apego que incorpora novas entidades municipais. Entre os rexedores presentes estivo o compostelán, Martiño Noriega.

Os servizos de normalización lingüística dos concellos da Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo súmanse aos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo como referentes nos que a veciñanza pode informarse e sumarse. Tamén se pode tomar contacto co proxecto a través da súa presenza en Internet: www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal.

Despois do primeiro ano de vida deste proxecto, dirixido á poñer en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas e a facilitala con apoio, información, recursos, programación de actividades, etc., súmanse 11 aos 12 concellos que inicialmente o puxeron en marcha.

O acto estivo conducido por dúas representantes do persoal técnico dos servizos de normalización, que explicaron que é o Apego e a quen se dirixe co apoio de moitas imaxes da andaina percorrida ata o momento. Foi presidido polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que quixo acoller e celebrar o inicio desta colaboración cun concerto de música infantil, Arrolos de salitre, protagonizado por Xabier Díaz e Guillerme Fernández, para os nenos e nenas entre 0 e 6 anos e as súas familias, os principais destinatarios do proxecto.

En representación dos concellos que formaron parte do Apego dende o inicio interviñeron no acto os alcaldes da A Baña e de Negreira e, en nome dos que agora se incorporan, as alcaldesas de Muros e de Moaña, ademais do anfitrión.

As intervencións de alcaldes e alcaldesas fixeron fincapé no interese da colaboración intermunicipal para que a veciñanza de moitos concellos poida acceder en igualdade de condicións a programas e servizos. Tamén resaltaron a necesidade dun proxecto coma este que valore positivamente a lingua e a súa transmisión, tendo en conta a situación xeral pola que pasa o galego, incluso nos territorios onde a realidade é aparentemente máis favorable. E, de maneira especial, dirixíronse aos pais e nais para convidar a que se sumen ao Apego e participen nas accións e nas redes que reforzan a socialización en galego dos seus fillos e fillas.

Compartir: