POLÍTICAS SOCIAIS

O programa municipal de atención ás persoas sen teito realizou máis de 200 intervencións dende novembro a marzo

07/04/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e o concelleiro de Convivencia, Xan Duro, deron conta en rolda de prensa das actuacións levadas a cabo polo Concello de Santiago, en colaboración con Cruz Vermella e FEAFES, na atención ás persoas sen teito da cidade.

O Concello de Santiago puxo en marcha un equipo de rúa en colaboración con Cruz Vermella para a atención sociosanitaria destas persoas "que carecen de calquera tipo de rede familiar e están en situación de especial vulnerabilidade social". O equipo de rúa está formado por unha técnica referente e 10 voluntarios, incorporándose no último mes 2 novas persoas voluntarias. A concelleira destacou que "este equipo de rúa realiza 4 rutas en horario nocturno e diúrno. Luns e mércores de 20:30 a 23:30 horas e os martes e xoves de 8:00 a 10:30 horas". Existe ademais un reforzo de Policía Local en moitas desas saídas de rúa e os servizos de limpeza municipais tamén dobraron esforzos para mellorar a convivencia na zona.

Concha Fernández destacou que, dende que comezou o programa no mes de novembro, se atendeu a un total de 110 persoas (89 homes e 21 mulleres), no que supón 233 intervencións do equipo de rúa. Tamén desde novembro mantiveron o aloxamento en pensións entre 8 e 13 persoas, das cales 4 se incorporan por primeira vez no último mes.

Escrito á Valedora
A concelleira de Políticas Sociais quixo deixar claro na rolda de prensa que o Concello de Santiago contestou aos requirimentos da Valedora do Pobo mediante un escrito enviado o 29 de marzo onde se ofrecía información de todas as actuacións levadas a cabo polo Concello e se clarexaban as cuestións propostas pola Valedora no seu escrito anterior.

Concha Fernández lembrou que xa no mes de decembro se reuniu coas asociacións Cidade Vella e Compostela Monumental, ao ter constancia da súa denuncia perante a Valedora. Nese encontro explicáronselle as actuacións levadas a cabo polo Concello, que intenta dar solución a esta problemática dende o punto de vista social.

Tamén lembrou a concelleira que o pasado 7 de xaneiro houbo unha xuntanza entre ela mesma, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a Valedora do Pobo para dar conta destas actuacións. Nesa reunión e nunha posterior mantida coa Dirección Xeral de Política Social pedíuselle á Consellería que dirixe Rey Varela que "puxese a disposición do Concello un espazo no casco histórico para a creación dun centro de atención 24 horas. Unha cuestión que foi ademais aprobada por unanimidade no Pleno municipal".

Nesa mesma xuntanza trasladouse a necesidade de ampliación de prazas e de flexibilización de horarios do albergue Xoán XXIII, co que ten un convenio de colaboración o Concello de Santiago; unha petición compartida coa propia dirección do centro.

Concha Fernández volveu insistir na necesidade de coordinación entre todas as institucións afectadas co fin último de xuntar esforzos na loita contra a exclusión social e na axuda e mellora da calidade de vida das persoas que se atopan en situación de especial vulnerabilidade social. Dende o Concello de Santiago "sempre traballamos e traballaremos dende unha óptica social, porque entendemos que non se trata dun problema de orde público, senón dun problema de orde psicosocial", concluíu.

Compartir: