EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Manuel Dios reúnese co xefe territorial de Educación para analizar as necesidades dos centros en materia de obras

05/04/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, reuniuse esta mañá co xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, para analizar centro a centro as necesidades prioritarias de obras para realizar unha actuación coordinada entre ambas as dúas institucións.

Todas as obras que foron obxecto de consideración responden a peticións razoadas cursadas previamente polas direccións dos centros educativos de Santiago. Con carácter urxente serán obxecto de estudo e elaboración dos correspondentes proxectos orzamentados, que permitan acometer as obras coa maior urxencia posible. Algunhas obras teñen que ver coa reposición de carpinterías metálicas, patios cubertos para diferentes usos, saneamentos ou acondicionamento de baños, entre outras actuacións.

Visita aos CEIPs
Ao remate deste traballo, Manuel Dios e Indalecio Cabana fixeron unha visita aos centros de Monte dos Postes e Lamas de Abade, onde puideron fixar actuacións concretas, comprometéndose a continuar as visitas a centros nos que sexa necesario unha definición maior dos proxectos a acometer. Así mesmo, consideraron urxente o encontro que o alcalde de Santiago solicitou manter co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para que se poda concretar o calendario e aquelas actuacións que representan unha maior complexidade para o seu desenvolvemento.

Neste sentido, cómpre sinalar que os dous departamentos veñen facendo un esforzo para acordar unha actuación global que dea resposta ás demandas das comunidades escolares e veciñais da zona do CEIP Lamas de Abade, no sentido de ampliar o centro educativo para acoller a demanda de matrícula na etapa de educación infantil. Esta proposta, ademais de ser motivo de diferentes xuntanzas co equipo directivo do centro e coa súa ANPA, foi obxecto de consulta coa ANPA da Escola Infantil Raiola.

Compartir: