CONVIVENCIA

Comezan as accións prácticas do Programa de Educación Viaria da Policía Local

05/04/2016 Esta mañá comezaron as actividades prácticas do Programa de Educación Viaria da Policía Local, que se prolongarán ata o 9 de maio. O módulo está dirixido a estudantes de 4º de Primaria dos colexios de Compostela, que aínda están a tempo de inscribirse para participar nesta acción formativa.

A Policía Local pon en marcha este programa dende o convencemento de que a educación é a mellor ferramenta para que no futuro teñamos condutores e peóns responsables. Nas actividades que comezaron hoxe, os rapaces e rapazas percorren
un circuíto urbano, coincidente coa ruta dos Colecamiños, para experimentar os coñecementos que adquiriron nos módulos teóricos, en relación ao funcionamento dos semáforos, os pasos de peóns, ou os sinais de tráfico. O percorrido remata nas dependencias da Policía Local, onde os axentes lles explican aos rapaces en que consiste o seu traballo e lles amosan o funcionamento da sala de pantallas.

Para participar no Programa de Educación Viaria, os colexios interesados deben dirixir un correo electrónico á dirección educacionviaria@santiagodecompostela.org.

Compartir: