MEDIO AMBIENTE

Un concurso de modelado 3D fomenta a educación en valores ambientais

05/04/2016 O Concello, en colaboración coa Universidade de Santiago e a empresa Ferrovial, vén de poñer en marcha o concurso COMPOS3D de modelado 3D a partir de fotografías, co obxectivo de fomentar a educación en valores medioambientais. O certame enmárcase nas actividades de celebración na cidade do Día Mundial do Medio Ambiente, e está dirixido a estudantes de entre 14 e 17 anos.

O concurso está promovido polo Concello, Ferrovial e a USC, a través do seu Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) e do grupo de investigación D3MOBILE. Nel poden participar equipos formados por un alumno e máis o seu profesor, de calquera centro de ensino regrado de Galicia. Os profesores poderán formar parte de distintos equipos, tutelando a cantos estudantes desexen.

Botando man de instrumentos tan familiares para os mozos coma un teléfono móbil, unha tablet ou un ordenador, os participantes realizarán un modelo 3D virtual a partir dun obxecto da súa contorna. Tamén terán que elaborar un vídeo do modelo, que poderá ser editado. O 2 de maio remata o prazo para presentar os traballos, que serán valorados pola súa creatividade, orixinalidade, calidade e beleza, así como polo grao de vinculación coa temática do medio ambiente.

Premios aos mellores traballos
O concurso COMPOS3D establece catro premios, dous para os mellores equipos de centros de Santiago, e outros dous para os mellores traballos de Galicia. Ademais concederanse outros dous premios para os centros educativos que acaden unha maior puntuación sumando as dos equipos adscritos aos mesmos. Haberá un galardón para o mellor centro de ensino de Compostela, e outro para o mellor de Galicia.

Os premios para os centros consistirán nunha impresora 3D valorada en 450 euros. Os galardóns para os equipos serán dúas tablets (unha para o alumno e outra para o profesor) valoradas en 550 euros cada una.

Compostela, pioneira Coa organización deste evento, Compostela convértese na primeira cidade do mundo en utilizar o modelado 3D a partir de fotografías como ferramenta para o fomento da educación en valores ambientais. Trátase da mesma formulación que ten calquera concurso de fotografía, vídeo, pintura, narración, etc., pero en lugar de utilizar eses soportes, os participantes utilizarán o modelado 3D mediante fotografías. Esta técnica está a converterse nunha potente ferramenta de rexistro de información que xa utilizan diariamente moitos escolares, universitarios e profesionais de todo tipo e en todo o mundo.

COMPOSfoto 2016
Por outra banda, aínda permanece aberto (ata o 13 de maio) o prazo para inscribirse no concurso COMPOSfoto 2016, organizado polas mesmas entidades e coa fotografía como técnica a utilizar para o mesmo fin. Os estudantes inscritos nos dous certames poden aproveitar os coñecementos adquiridos en modelaxe 3D para competir en ámbolos dous concursos.

Direcciones relacionadas



Compartir: